Blogia
vgomez

ALOPIAS PELAGICUS OU QUENLLA RAPOSO

 

O Alopias pelagicus ou quenlla raposo, é un animal de augas mornas que conta cunha aleta caudal na súa parte traseira que pode alcanzar os tres metros de lonxitude.

Aínda que ata agora non se puidera observar en detalle, os científicos asumían que a quenlla utilizaba esta aleta para cazar, baseándose no tamaño desmesurado da súa aleta con respecto ao resto do corpo (é o máis pequeno das tres especies de quenlla raposo coñecidas, e a súa aleta constitúe a metade da lonxitude do seu corpo). O feito de que algunhas baleas e delfíns empregan esta técnica tamén levara a aceptar esta teoría na quenlla raposo.

Agora, a raíz dunha serie de observacións en Filipinas, púidose comprobar como, en efecto, o animal usa a súa cola para atordar as súas presas. Os investigadores observaron como se achega a bancos de sardiñas e asesta fortes aletadas, de maneira que pode alcanzar a máis dunha sardiña á vez. O alimento desta peculiar quenlla son peixes pequenos, como arenques ou sardiñas, constituíndo estas últimas o principal compoñente da súa dieta.

Os detalles de como caza coa súa aleta caudal aínda son superficiais e serán necesarias moitas horas máis de observación para establecer unhas pautas definitivas. Non obstante, non é unha quenlla doado de encontrar e ademais, non é unha especie moi abundante, debido a que a súa elegante aleta é moi cobizada, e se emprega para facer sopa, o que decimou a especie, catalogada como “vulnerable” pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza e os Recursos Naturais (UICN).

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia 

0 comentarios