Facebook Twitter Google +1     Admin

O MAR, ESE GRANDE VERTEDOIRO

Publicado: 05/05/2014 15:36 por vgomez en ZONA VERDE
20140505152954-1398885896-802747-1398937436.png

 

Nacións Unidas estima que cada ano 6,4 millóns de toneladas de lixo rematan nos océanos de todo o mundo. Aves mariñas, tartarugas e mamíferos morren ao inxerir ou enredarse en obxectos de plástico, redes de pesca e outros residuos perigosos. A degradación dalgúns deles xera microplásticos que poden contaminar toda a cadea alimenticia. O impacto máis visual desta sucidade mariña son as xigantescas illas de plástico que flotan en varios océanos, como o chamado sétimo continente, un impresionante vertedoiro mariño no Pacífico ao que se supón unha superficie de entre tres e sete veces España. Pero, que acontece no leito mariño, alí onde ninguén buscou ese lixo?

Un estudo publicado en PLOS One  dá resposta á pregunta. Varios equipos de investigadores de toda Europa estiveron a tomar máis dunha década mostras en 32 puntos repartidos polo Atlántico, o Ártico e o Mediterráneo. E encontraron que o lixo xerado polo home está en todas as partes: dende as praias ata os fondos mariños máis profundos e máis remotos. Lugares tan recónditos que nin sequera se exploraran ata entón.

Bolsas de plástico, botellas, redes de pesca, madeira, vidro e todo tipo de metais apareceron en profundidades que van dos escasos 35 metros do Golfo de León ata os 4.500 do canón submarino de Cascais. Encontrouse lixo preto da costa, na plataforma continental, pero tamén a 2.000 quilómetros do litoral, na dorsal mesoatlántica, a cordilleira submarina que divide o océano de norte a sur. Os autores do traballo, procedentes de 15 institucións científicas europeas, destacan que o alto custo e as dificultades técnicas de tomar mostras nas profundidades mariñas impediran ata agora obter un mapa dos lugares e os tipos de lixo dos océanos. E, por extensión, de coñecer o alcance do problema.

FONTE: Xornal El Pais/Ciencia 

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.