Facebook Twitter Google +1     Admin

ECONOMÍA CIRCULAR: ADEUS A USAR E TIRAR

Publicado: 13/06/2014 07:50 por vgomez en ZONA VERDE
20140611114742-fb62443eada1bf36ec9ea6ea26757bf0-economia-circular-innodriven-863-430-c.png

Esquema do modelo  de economía circular / Imaxe: innodriven.com 

 

O actual sistema de produción, baseado no "usar e tirar", xa non dá máis de si. O lixo, a contaminación, o esgotamento dos recursos naturais non paran de medrar, e o medio e os cidadáns sófreno cada vez máis. Fronte a isto, diversos expertos, empresas e institucións propoñen a "economía circular", baseada no ciclo da natureza, e onde os residuos se transforman en recursos, aforran custos e se crean miles de postos de traballo.

A economía actual aséntase nun sistema de produción lineal. As materias primas extráense para fabricar produtos que logo se utilizan e se eliminan. Este modelo do "usar e tirar" é insostible nun planeta de recursos finitos, e o seu colapso e consecuencias son cada vez máis evidentes: crecemento global da pegada ecolóxica, esgotamento de recursos naturais e combustibles fósiles, aumento dos residuos, a contaminación e o cambio climático, etc. E o número de consumidores non para de medrar: estímase que a poboación mundial pasará dos actuais 7.000 millóns de persoas aos 9.000 millóns en 2030.

Fronte a iso, cada vez máis expertos, institucións e empresas avogan por implantar a economía circular. Este sistema imita á natureza, onde todo se aproveita nun ciclo. O lixo, os residuos, non son algo inútil do que hai que desprenderse, senón un produto que se aproveita. Nalgúns casos mesmo se converte nun obxecto de maior valor que o que tiña antes como produto, no denominado "upcycling" ou " supra-reciclaxe". O consumo de enerxía redúcese ao mínimo e provén de fontes renovables. En vez de comprar para posuír, avógase por un consumo colaborador para compartir, redistribuír ou reutilizar os produtos. Os prezos márcanse segundo o seu custo real, para favorecer un consumo racional.

A economía circular aplica ao máximo as tres erres do ecoloxismo (reducir, reutilizar e reciclar), de maneira que os impactos ambientais se minimizan.

As empresas reducen custos e vólvense máis competitivas, resistentes e resilientes (capacidade de sobrepoñerse a situacións adversas), de maneira que se enfrontan mellor ás crises. Os postos de traballo xéranse a nivel local e son de maior calidade. Os aforros poden chegar nalgúns casos ata o 40-50%-50, segundo o informe de 2102 "Cara á Economía Circular: razóns económicas e comerciais para unha transición económica acelerada".

O aproveitamento dos residuos, o uso de enerxías renovables ou o deseño de produtos baseados en pautas sostibles xera un sector que só en España representa miles de postos de traballo locais da tamén denominada "economía verde".

FONTE: Revista Consumer/Medio Ambiente 

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.