Blogia
vgomez

A TERRA, A NOSA CASA

 

Un é aventureiro como outro é poeta, porque ten unha visión romántica da existencia e pensa que a vida ten que ser algo máis que simplemente pasar polo mundo”. O naturalista e aventureiro Nacho Dean foi a primeira persoa da historia en dar a volta ao mundo a pé e en solitario, completando un total de 31 países e 33.000 quilómetros en tres anos. “O meu obxectivo non foi facer unha paréntese na miña vida, senón abrazala máis intensamente ca nunca”, asegura. Anos despois propúxose outro reto: unir nadando os cinco continentes co obxectivo de lanzar unha mensaxe de conservación dos océanos. Un fito que completou na chamada ‘Expedición Nemo’: “O mar é o gran esquecido, atopouse lixo onde non chega nin a luz solar”, advirte.

Fillo de mariño e amante da natureza, de neno Nacho Dean medrou lendo a Xulio Verne e vendo os documentais de Félix Rodríguez de la Fuente. Deles aprendeu a súa paixón pola exploración e a visión do mundo como un todo. “A natureza é o lugar ao que pertencemos, o que lle facemos a ela facémonolo a nós mesmos”, reflexiona. As súas expedicións servíronlle para visibilizar a degradación do planeta e incidir na nosa responsabilidade ante o cambio climático.

Para el, camiñar, viaxar e observar son escolas de vida porque nos ensinan que as cousas poden ser de moitas maneiras diferentes. O seu inquebrantable compromiso coa natureza é o seu motor de inspiración e o que condiciona a súa visión reveladora da existencia: “Tes que realizar un verdadeiro exercicio de desprendemento e desapego, tes que deixalo todo: a túa casa, o traballo, a familia, os amigos, os teus bens materiais. Tamén os medos dunha cultura que valora máis o benestar, o confort, a seguridade, a estabilidade, por encima doutros valores como son emprender, arriscarse, a paixón de estar vivo”.

0 comentarios