Blogia
vgomez

DÍA DO NATURALISMO GALEGO

Retrato de Martín Sarmiento (1859) / IES SÁNCHEZ CANTÓN

Hoxe, 9 de marzo, celebramos o Día do Naturalismo Galego que xorde para homenaxear á figura do Pai Martín Sarmiento, un frade bieito do século XVIII que naceu un 9 de marzo de 1695 e que está considerado un dos pais da filoloxía galega, sendo determinante tamén nas investigacións históricas, xurídicas e naturalistas.

A iniciativa partiu do mestre Rafael López Loureiro, contando co apoio da Real Academia Galega de Ciencias e o Consello da Cultura Galega.

É un día de reivindicación porque “o estudo da natureza de Galicia precisa de maior recoñecemento social e político para garantir a súa inclusión nos currículos escolares e universitarios e nas políticas comúns”. Tamén serve para iniciar un proceso de coñecemento que “alente novos e máis profundos estudos naturalistas e científicos. Con esa información, rigorosa e de calidade, ogallá logremos protexer o que aínda se conserva e lograr restaurar o xa estragado”. 

Un 9 de marzo de 1695 Pedro José García Balboa, o Pai Martín Sarmiento, naceu no Bierzo. Tiña pais galegos e pasou os seus primeiros anos de vida en Pontevedra. Os seus estudos de filosofía e teoloxía levaríaos a cabo en Madrid, mais viaxaba a Galicia para recoller información para os seus traballos facendo así da lingua e a cultura do país un dos seus maiores intereses. Recopilou valiosas informacións por aquel entón e que deixou un dos maiores legados sobre o patrimonio natural de Galicia, considerando á historia natural como o fundamento de todas as ciencias humanas.

Ademais, Sarmiento defendeu a lingua galega e segunda explica a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda é obra súa a primeira noticia documentada da literatura galega medieval e as primeiras pesquisas sobre o nacemento do galego. Foi unha das primeiras voces en reivindicar a normalización da nosa lingua e así o escribiu:

“(…) A resposta está patente: que Galicia chora e chorará sempre. Non os galegos, senón os non galegos, que nos comezos do século XVI inundaron o reino de Galicia, non para cultivar as súas terras, senón para se facer carne e sangue dos mellores, e para cargar cos máis beneficiosos empregos, así eclesiásticos como civís, foron os que por non saber a lingua galega, nin por cargar palabra nin por escrito, introduciron a monstruosidade de escribir en castelán para os que non saben senón o galego puro. Esta monstruosidade é máis visible nos empregos eclesiásticos.

Morreu en Madrid, o 7 de decembro de 1772.

FONTE: gciencia.com

 

 

0 comentarios