Facebook Twitter Google +1     Admin

 

A evolución das mandíbulas nos animais vertebrados foi unha longa e complexa odisea evolutiva que durou millóns de anos. Ao longo deste proceso, unha serie de arcos osudos arredor da cabeza nas especies máis primitivas fóronse adaptando ata formar esta estrutura. Agora, o achado de novos fósiles en Canadá desvelou un elo clave nesta cadea evolutiva: o peixe Metaspriggina, que hai uns 505 millóns de anos xa posuía estes arcos distribuídos ao longo da súa cabeza, protexendo as súas branquias.

O descubrimento, que acaba de publicar a revista  Nature, supón un fito importante para coñecer os animais predecesores dos primeiros vertebrados con mandíbulas.

O achado do peixe Metaspriggina, polo tanto, é unha peza clave para completar o puzle da evolución dos vertebrados, xa que pode considerarse o punto de partida que deu orixe á mandíbula aos peixes e posteriormente aos dinosauros, mamíferos e demais especies de vertebrados que foron poboando a Terra, incluíndo ao ser humano.

Na actualidade, os únicos animais que viven sen mandíbulas son as lampreas e mixines, peixes que se alimentan grazas a unha boca redondeada que succiona a comida.

As escavacións que permitiron o achado leváronse a cabo en 2012 nun depósito de fósiles situado preto do Canón de Mármore do Parque Nacional de Koontenay (ao oeste de Canadá). Alí, os investigadores desenterraron 44 fósiles destes peixes xa extintos. Ata entón, os científicos só contaban con dous exemplares de Metaspriggina, pero estaban incompletos e parecía unha misión case imposible estudar as súas características físicas.

No seu traballo de Nature, o equipo sinala que este singular peixe primitivo pertencía á familia dos cordado, cuxa espiña dorsal se distribúe ao longo do seu corpo. Tamén comprobaron que viviu hai uns 505 millóns de anos (no  Cámbrico) e tiña un corpo alongado que medía uns 60 milímetros de longo, pero non pasaba dos 13 milímetros de ancho. Ademais, contaba cun par de foxas nasais, un posible cranio e unhas grandes concas oculares que lle permitían permanecer atento ao que sucedía ao seu arredor.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia 

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.