Facebook Twitter Google +1     Admin

2014, O ANO MÁIS CALUROSO DENDE 1880

Publicado: 20/01/2015 08:07 por vgomez en ZONA VERDE
20150118140318-1421430059-907873-1421431283-noticia-normal.jpg

Records de calor (vermello) e de frío (azul) en 2014 / NOAA

O 2014 foi o ano máis cálido dende que comezaron os rexistros históricos en 1880, segundo dúas análises independentes da NASA e a Administración Nacional Oceánica e Atmosférica de EUA publicados o pasado venres. A temperatura media da superficie do planeta foi 0,69 graos superior á media do século XX, catro centésimas de grao máis que os anteriores récords observados en 2005 e 2010.

A temperatura media da superficie do planeta subiu 0,8 graos dende 1880, "en gran parte impulsada polo aumento do CO2 e outras emisións humanas na atmosfera", destaca de xeito inequívoco a NASA. A maior parte do quentamento aconteceu nas tres últimas décadas e, coa excepción de 1998, os 10 anos máis calorosos aconteceron dende o 2000.

Os novos datos confirman as predicións da Organización Meteorolóxica Mundial que, a comezos do pasado decembro, advertiu de que 2014 ía camiño de bater o récord de temperatura.

A NASA sinala que os seus científicos esperan ver flutuacións de temperatura nos próximos anos, causadas polos fenómenos El Niño e La Niña, que quentan ou arrefrían a rexión tropical do océano Pacífico. Presuntamente, ambos os dous son parcialmente responsables de que a suba da temperatura se retardase nos últimos 15 anos.

A análise da axencia espacial estadounidense inclúe datos tomados por 6.300 estacións meteorolóxicas en terra, en barcos e en boias, ademais de rexistros na Antártida. O seu algoritmo, detallan, ten en conta a distribución xeográfica das estacións e o efecto do quentamento propio das cidades.

Os 6.300 termómetros detectaron altas temperaturas sen precedentes na superficie do mar, 0,57 graos por enriba da media do século XX. Na superficie terrestre, o quentamento foi dun grao, o cuarto máis alto dende 1880.

A NASA subliña as grandes diferenzas rexionais observadas en 2014. En EUA, algunhas partes da costa este viviron temperaturas anormalmente frías, mentres que Alasca, California, Arizona e Nevada rexistraron o seu ano máis cálido.

No hemisferio norte, a cobertura de neve foi de case 65 millóns de quilómetros cadrados, aproximadamente a metade do habitual no rexistro histórico. No Ártico, a capa de xeo, con 28 millóns de quilómetros cadrados en media, foi a sexta máis pequena dos últimos 36 anos, cando empezaron os rexistros.

Na Antártida, pola contra, a extensión do xeo mariño superou o récord por segundo ano consecutivo, achegándose aos 34 millóns de quilómetros cadrados. Dende hai anos, os científicos intentan comprender por que a Antártida se comporta de xeito diferente ás tendencias globais, aínda que insisten en que a rápida perda de xeo mariño no Ártico triplica a magnitude das ganancias na Antártida.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.