Blogia
vgomez

A RARA BOLBORETA DA QUE SÓ HAI 900 EXEMPLARES EN GALICIA

A Erebia palarica habita na cordilleira cantábrica, montes de León, as serras de Ancares, o Courel e a Queixa / Laura Torrado Blanco

O noroeste peninsular é o fogar dunha elevada diversidade de fauna e flora. Dentro desta variedade, acolle a especies endémicas de bolboretas que destacan pola súa singular orixe glacial, entre as que destaca a montesa grande (Erebia palarica). Arredor deste lepidóptero voa a tese de Laura Torrado Blanco, estudante de doutoramento na Universidade da Coruña (UDC), titorizada por Marta Vila Taboada, profesora titular de Xenética na Facultade de Ciencias da mesma; ambas pertencentes ao Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva.

A procura desta especie de montaña por climas frescos lévaa a vivir en localizacións do noroeste peninsular. Tendo en conta que “as bolboretas adultas voan nos meses de verán”, como enuncia Torrado Blanco, estas buscan climas temperados nesta estación do ano. De aí que estes exemplares estean distribuídos únicamente na cordilleira cantábrica, os montes de León, as serras de Ancares, o Courel e a Queixa.

Pese a que se descubriu no ano 1905, “non había practicamente información sobre a súa bioloxía nin da súa xenética”, declara a autora do traballo. Cando estas investigadoras empezaron o proxecto, comezouse a coñecer en profundidade este endemismo reducido, sobre o que escaseaban os datos. Grazas á exploración, puideron entender máis a distribución desta bolboreta: “A poboación do Courel parece estar diferenciada xeneticamente do resto de poboacións próximas”, asegura, referenciando a existencia dun caso máis extremo na serra de Queixa.

Para a comprensión desta especie, cómpre trasladarse aos ciclos glaciais do Pleistoceno, no período Cuaternario, onde a Erebia palarica ten a súa orixe. A hipótese que manexan as investigadoras sobre os inicios desta bolboreta baséase en que “o ancestro estaba presente na cordilleira cantábrica no pasado, durante o último interglacial”, situados nos cumios das montañas con climas fríos e secos. Para este momento, as temperaturas eran máis elevadas do que son na actualidade, o que explica as localizacións dos exemplares nas serras.

Pasada, presente e futura distribución potencial da Erebia palarica / Laura Torrado Blanco

Conforme avanzou o tempo, chegouse ao último máximo glacial, hai aproximadamente 20.000 anos. Neste punto da historia, as temperaturas volven descender ata chegar a niveis “considerablemente fríos”. Este fenómeno provocou que as condicións favorables para os antepasados da Erebia palarica fosen “máis amplas no espazo”, como informa a investigadora da UDC. Estas bolboretas, antes restrinxidas aos cumios das montañas, nesta etapa podían descender en altitude. Desta forma, lánzase unha suposición: “Os precedentes desta especie distribuíronse cara ao norte e ao sur, partindo da cordilleira cantábrica, manténdose sempre ao norte da península ibérica”.

Con base na súa procedencia glacial, as investigadoras contemplan dúas liñaxes xenéticas dentro da especie. Unha delas, na cordilleira cantábrica, parece “máis homoxénea” a nivel xenético entre as localidades da zona. Mentres, as poboacións galegas analizadas son “diferentes entre si xeneticamente”, separadas das súas poboacións próximas, segundo os datos de Laura Torrado. “Esta diferenza contémplase sobre todo nas poboacións da serra do Courel, cun máximo en Queixa, practicamente illada das localidades veciñas”, comparte. A investigadora aclara que o illamento xenético dáse cando, por exemplo, as bolboretas de Erebia palarica da Queixa non se cruzan a nivel reprodutivo coas localidades contiguas, “polo que non experimentan intercambio xenético”.

A montesa grande é unha bolboreta escura, de cor marrón, cunha banda laranxa que percorre as ás superiores e inferiores e salpicada por uns lunares escuros cun puntiño branco no centro denominados ocelos. A pesar da descrición detallada que a fai parecer irrepetible, esta especie do xénero Erebia “ten semellanzas con outras bolboretas, tanto en apariencia como en xenética”, informa a investigadora.

As principais semellanzas coinciden con outra especie do mesmo xénero, a Erebia meoland, sendo “moi difíciles de diferenciar”. Esta, tamén presente na península ibérica e noutras zonas de Europa, tamén habita na cordilleira cantábrica, como a montesa grande. Este fenómeno, en ocasións, dificulta o labor dos entomólogos inducindo a erros nas bases de datos. A pesar da súas semellanzas, a nivel xenético non hibridan entre elas, é dicir, “non se confunden entre si”, aínda que as investigadoras non coñecen os motivos.

No caso concreto da Erebia palarica, trátase dunha única especie cunha “subespecie na serra de Queixa”, facendo fincapé na singularidade desta poboación. A través do traballo de campo levado a cabo por Torrado e Vila en Lugo, coñécese unha poboación de 303 individuos no Alto do Couto e 565 na Cabeza Grande, considerándose unha cifra elevada de exemplares. “Nun principio pensamos que era posible a extrapolación de datos ao total da distribución da especie”, informa a investigadora, mais decidiron evitalo “pois non se sabe como se organizan as poboacións cántabras”. Ademais, polo illamento da poboación, as bolboretas do Courel “igual funcionan dun xeito diferente”.

É distinto o número total de individuos que se ven voando nunha tempada e o tamaño xenético que ten a poboación”, define Laura Torrado. Disto depende seu nivel evolutivo, o éxito ou a perda da especie. Baseándose nos datos da tese, a futura doutoranda asegura que o tamaño efectivo (tamaño xenético) das bolboretas do Courel é menor de 100 individuos, o que significa que son máis delicadas do que aparentan por abundancia.

A raíz desta cantidade, as investigadoras pensan que se debe establecer unha estratexia de conservación arredor da Erebia palarica. Na actualidade, está clasificada como especie de preocupación menor na lista vermella que publica a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN). No seu estado, aparece reflectida a necesidade de ampliar o coñecemento acerca da especie, porque “practicamente non se sabía nada dela ata hai moi pouco”.

Con todo, a localización das poboacións tampouco axuda. Situadas en lugares montañosos illados, viven en “ecosistemas moi ameazados polo cambio climático e a destrución directa dos hábitats”. No caso da Erebia palarica do Courel, a suspensión no ano 2022 do parque eólico que se ía construír en Serra de Oribio (Lugo), favoreceu a conservación da bolboreta. “Aínda que o cese estivo relacionado cos osos da zona, á bolboreta veulle moi ben”, pois o seu lugar de ocupación podería ter desaparecido, recorda Torrado Blanco.

En base aos resultados da tese, ao número de individuos, á baixa mobilidade da especie e á estrutura xenética, as investigadoras propoñen unha modificación: “Cambiar o seu estado da clasificación a especie vulnerable“. Con esta nova medida, estableceríanse accións de conservación da man das administracións. Este é o plan que procuran seguir Torrado e Vila, que esperan que esta bolboreta poida darse a coñecer moito máis a través dunha historia que parte da xenética.

FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com

0 comentarios