Blogia
vgomez

A MÁIS CAMBIO CLIMÁTICO, MENOS ESPECIES

A MÁIS CAMBIO CLIMÁTICO, MENOS ESPECIES

Os países con maior risco de extinción de especies / Imaxe: Mark Urban

O cambio climático afecta a todo o planeta, pero non da mesma forma en todos os países e rexións. O estudo do científico Mark Urban, investigador de ecoloxía e bioloxía evolutiva da Universidade de Connecticut, e publicado na revista Science, sinala a América do Norte e Europa cos riscos máis baixos (5% e 6%, respectivamente), mentres que América do Sur (23%) e Australia e Nova Zelandia (14%) serían os lugares onde se concentran os maiores riscos de extinción de especies, debido ao aumento da temperatura.

En calquera caso, subliña Urban, mesmo especies non ameazadas directamente pola extinción poderían experimentar cambios substanciais no seu número e distribución, que á súa vez podería afectar aos ecosistemas e os seus servizos aos seres humanos.

Janneke Hille Ris, investigadora da Universidade de Washington en Seattle (EUA), quen publica tamén en Science un artigo de apoio ao traballo de Urban, explica que as rexións de maior risco teñen un número alto de especies endémicas. Ao estar adaptada a un sitio concreto teñen máis problemas se os hábitats nos que viven desaparecen ou se encontran barreiras xeográficas que lles impiden migrar a outros lugares. Neste sentido, se un hábitat axeitado desaparece por completo co cambio climático, a extinción parece inevitable, sentenza.

Os investigadores recordan que a maioría das predicións se centran en América do Norte e Europa. Polo tanto, os riscos poderían ser aínda maiores en rexións pouco estudadas, como en Asia, de maneira que reclaman máis traballos científicos.

FONTE: Revista Consumer/Medio Ambiente

0 comentarios