Facebook Twitter Google +1     Admin

A PATACA GRAVITACIONAL

Publicado: 22/05/2015 11:44 por vgomez en NOTICIAS DAS CIENCIAS
20150521233904-patata-gravitacional.jpg

 

Non falo dun tubérculo, senón da reconstrución tridimensional da Terra mediante un novo modelo que representa as variacións de gravidade. A imaxe virtual, chamada Potsdam Gravity Potato (pataca gravitacional de Potsdam), foi desenvolvida por científicos do Centro Alemán de Investigación Xeofísica de Helmholtz. Pola súa gran precisión, non máis duns poucos centímetros de erro, pode servir de referencia universal para estudar o nivel do mar, a súa evolución e as variacións do campo gravitatorio terrestre.

A diferenza co xeoide, a representación teórica que une os puntos de igual gravidade, é que estes expertos non obtiveron unha figura sólida e estática, senón que a súa superficie varía co tempo. Isto acontece porque, aínda que tendamos a pensar que a forza de atracción é unha constante uniforme, o campo de gravidade do planeta cambia en boa medida debido a factores como a distribución desigual da masa entre os océanos, os continentes e as capas internas da codia.

Tamén inflúen parámetros relacionados co clima e o ciclo hidrolóxico, como a fusión dos glaciares e o balance de auga en depósitos e correntes superficiais. Para desenvolver o seu modelo, os científicos alemáns utilizaron 800 millóns de datos, procedentes tanto de medicións en terra firme coma dos satélites LAGEOS, GRACE e GOZO, da Axencia Espacial Europea (ESA). Os sensores deste último, dedicado a estudar o campo gravitatorio terrestre e as súas anomalías, son capaces de recoller parámetros dos fondos abisais e rexistrar os cambios no nivel do mar, o que se coñece como topografía oceánica dinámica.

FONTE: Revista Muy Interesante/Ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.