A CONTAMINACIÓN DO AIRE "FEMINIZA" OS PEIXES
Unha troita da especia Salmo trutta fario / EM
A contaminación atmosférica está feminizando os peixes de lagos de alta montaña afastados a centos de quilómetros dos núcleos urbanos. Segundo un estudo realizado nos lagos remotos dos Pireneos e dos Tatras, en Eslovaquia, os peixes presentes nas masas de auga “cambian de sexo” debido a axentes contaminantes que viaxan polo aire.
Os disruptores endócrinos, substancias contaminantes capaces de alterar o equilibrio hormonal, chegaron arrastrados polo vento ata lagos remotos de alta montaña, moi lonxe dos núcleos industriais, urbanos e agrarios onde se orixinan, o que está a provocar que os machos que alí viven presenten características femininas.
Segundo o estudo, publicado na revista Nature Scientific Reports, estes lagos están a recibir estas substancias químicas que se están a acumular nos peixes. Os investigadores -procedentes do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da Auga (IDAEA-CSIC), do Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF-UAB) e da Universidade de Innsbruck (Austria)- encontraron disruptores en sangue, fígado e tecido muscular dos peixes, provocando que os machos presenten características femininas.
Estudos anteriores xa revelaran efectos feminizantes en peixes, pero o aspecto diferencial deste traballo é que a contaminación é exclusivamente atmosférica, é dicir, que non está relacionada con verteduras nin con residuos urbanos.
Observouse que os contaminantes que alteran o sistema hormonal (os chamados disruptores endócrinos) conseguiron chegar ao interior dos peixes viaxando polo aire e depositándose nos lagos remotos.
A pesar de que estes efectos son moi doados de apreciar en peixes, aínda non está claro que consecuencias pode ter a contaminación atmosférica na capacidade reprodutora dos peixes. Aínda así, sábese que unha concentración maior deste mesmo tipo de compostos si podería afectan á saúde e á capacidade reprodutora dos peixes.
O efecto destas substancias similares ás hormonas é menos perceptible en troitas femias porque os seus niveis naturais de estróxeno son relativamente elevados. A pesar de que o grao de feminización que se observou non constitúe unha ameaza para a capacidade reprodutiva destes peixes, estes contaminantes son un problema porque teñen un impacto duradeiro sobre o medio, xa que son moi persistentes e se acumulan ao longo das cadeas tróficas.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
0 comentarios