Blogia
vgomez

A COMPLEXA ORIXE DO CANCRO

A COMPLEXA ORIXE DO CANCRO
Imaxe dunhaa célula tumoral, atacada por linfocitos / FOTOLIA

Que fai que unha célula se altere e empece a medrar de forma desorganizada ata orixinar un tumor? A xenómica ensinounos que todos os cancros orixínanse pola acumulación de mutacións xenéticas no ADN das células do organismo. Algunhas desas mutacións están presentes dende o nacemento e elevan o risco desa persoa a ter un tipo de tumor, pero o máis frecuente é que esas alteracións xenéticas non sexan herdadas e se produzan ao longo da vida dunha persoa.

A clave da orixe do cancro está nos procesos que rexen esas mutacións. Por iso, a investigación do cancro céntrase en coñecer que acontece antes de que se xeren esas alteracións no ADN, buscando as pegadas dos axentes causais do cancro. Quérese descubrir como evitar que xurdan esas mutacións xenéticas e se xa están en marcha, achar o talón de Aquiles deste proceso para desenvolver tratamentos eficaces.

Agora, unha nova investigación na que participan equipos científicos de 14 países, entre eles españois, ilumina este camiño con nova e valiosa información. Identificaron máis de 20 firmas mutacionais distintas que explicarían a maioría das mutacións implicadas nos trinta tipos de cancro máis común, entre eles o cancro de mama, de ovario, próstata, páncreas, leucemia... Cada unha destas firmas é responsable de xerar as alteracións xenéticas que conducen á aparición dun tumor. Probablemente, esta vintena de procesos non inclúe absolutamente todas as firmas mutacionais que conducen ao cancro, aínda que si a maioría delas, aseguran os investigadores implicados. Este importante achado pertence ao Consorcio Internacional do Xenoma do Cancro. Para identificar eses procesos xeradores de mutacións, investigouse os xenomas de 7.042 pacientes e cinco millóns de mutacións.

A investigación preséntase na revista «Nature» e foi coordinada por Michael Stratton del Instituto Sanger, no Reino Unido. A contribución española foi dirixida por Carlos López-Otín, do Instituto Universitario de Oncoloxía da Universidade de Oviedo e Elías Campo, da Universidade de Barcelona.

O resultado deste inxente esforzo é a análise máis completa realizada ata a data en busca da orixe do cancro. O estudo ten profundas implicacións, tanto para a comprensión das enfermidades oncológicas, coma para a súa prevención e tratamento.

FONTE: Xornal abc/ciencia

0 comentarios