Facebook Twitter Google +1     Admin
20150601201500-88b6ded213a0b0d235e4e88b6192479f.jpg

O peixe serra de dente pequeno (Pristis pectinata) / zap.aeiou.pt

Moitos descubrimentos acontecen de chorra, e o dos investigadores da Universidade de Stony Brook é o último deles. O que buscaban entre os peixes serra dos ríos de Florida non era un milagre, senón un dato aburrido pero esencial para esa poboación de peixes ao bordo da extinción: o seu grao de uniformidade xenética como consecuencia da endogamia que adoitan padecer as poboacións con moi poucos individuos. E o que encontraron é moito mellor que iso: que as femias virxes empezaron a ter fillos. Sen necesidade de sexo.

A partenoxénese (nacemento virxe), pola que unha especie sexual ten a posibilidade de reproducirse por unha especie de clonación natural das femias, é un fenómeno común en invertebrados como os insectos, e mesmo se documentou ocasionalmente en vertebrados como paxaros, réptiles e quenllas, case sempre en catividade. Pero os peixes serra de Florida son o primeiro exemplo descrito no seu hábitat natural, nunha poboación que segue reproducíndose sexualmente na maioría das ocasións, e onde a partenoxénese non é unha curiosidade de zoolóxico: o 3% dos peixes serra de alí son fillas de virxes. Os machos, por certo, nunca teñen esa capacidade, en ningunha especie.

O peixe serra de dente pequeno (Pristis pectinata) é unha especie en perigo extremo de extinción, cunha poboación que se viu decimada ata menos do 5% do seu tamaño en 1900. A especie sobrevive case exclusivamente no sueste de Florida. Son uns peixes de bo tamaño: alcanzan con facilidade o medio metro de lonxitude. E teñen esa fealdade inconfundible: coa boca torcida e os dous ollos ao mesmo lado da cara, nun pesadelo biolóxico que resulta da conveniencia de nadar estendendo as aletas aos lados do corpo, en lugar de verticais.

Estes investigadores, recolleron, e devolto á auga, 190 individuos entre 2004 e 2013. Analizáronos coas técnicas xenéticas convencionais para estimar o grao de variedade xenética de cada individuo: utilizan unhas secuencias de ADN que, ao ser moi variables na especie, permiten calcular o parentesco interno dun individuo consigo mesmo. Todos temos un xogo de cromosomas herdado da nai e outro do pai, e o noso xenoma contén polo tanto un rexistro das diferenzas xenéticas entre a nosa nai e o noso pai.

Cando as poboacións se reducen ata o risco de extinción, os dous proxenitores tenden a ser primos ou mesmo irmáns, pola sinxela razón de que non é doado encontrar outra cousa polos arredores. Un parentesco interno (IR, por internal relatedness) de 0,25 quere dicir os pais eran primos; un de 0,50 revela que eran irmáns. Os científicos de Stony Brook encontraron sete peixes serra cun IR próximo a 1: os seus dous xogos de cromosomas son idénticos, ou case, e polo tanto non proveñen de pai e nai, senón só da nai.

Os científicos conxecturan que estes casos de partenoxénese son adaptativos, é dicir, un intento das femias por superar a escaseza de machos (e de calquera outra cousa). É só unha hipótese. Cren que a partenoxénese pode estar moito máis estendida no mundo animal do que cremos. E recordan que o proceso é extremadamente improbable, ou imposible, en humanos.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.





Archivos

Ms

contador de visitas

Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris
Plantilla basada en el tema iDream de Templates Next