Blogia
vgomez

O NIVEL DO MAR CADA VEZ MAÍS ALTO

O NIVEL DO MAR CADA VEZ MAÍS ALTO

O nivel do mar cada vez máis alto / Imaxe:consejohoy.com

Segundo estimacións da Axencia Aeroespacial Estadounidense (NASA), o nivel do mar medrou oito centímetros de media en todo o mundo dende 1992.

 Os expertos alertan de que esta tendencia se manterá durante os próximos anos, segundo os datos recollidos por un grupo de científicos da NASA. O citado incremento no nivel dos mares de todo o planeta alcanza unha media de 7,62 cm por enriba dos niveis de 1992, aínda que os valores cambian en función das zonas xeográficas. Nalgúns casos, o mar creceu ata 22 cm.

O principal culpable do aumento do nivel dos océanos e os mares é o quentamento global, causado en gran parte pola actividade humana. A consecuencia do quentamento derrétense os glaciares e grandes masas de xeo nos polos, e sobe a temperatura da auga, o que fai que esta se expanda. Segundo o xeofísico da Universidade de Colorado Steve Nerem, "é moi probable que a situación empeore no futuro". Tanto que, aínda que se adoptasen as accións necesarias para tratar de reverter a situación e se lograse cambiar a tendencia, se tardaría séculos en que os mares volvesen aos niveis previos ao cambio climático.

Para os expertos da NASA, o incremento no nivel do mar pon en risco o futuro de numerosas cidades e pobos costeiros en todo o mundo, e ameaza con borrar do mapa para sempre multitude de illas, co que nalgúns casos, especialmente no Pacífico, desaparecerían países enteiros.

FONTE: Revista Muy Interesante/Natureza

0 comentarios