Blogia
vgomez

OUTRA ESPECIE INVASORA NA NOSA COMUNIDADE: COUZA ASIÁTICA DO BUXO

Á esquerda, eiruga da especie Cydalima perspectalis (lavanguardia.com/Emili Bassols i Isamat) e á dereita, exemplar de bolboreta de Cydalima perspectalis (Wikipedia/Didier Descouens) 

Cando aínda non se logrou gañar a batalla á avespa asiática, outra especie exótica invasora chegou a a nosa comunidade. Trátase da couza asiática do buxo (Cydalima perspectalis) á que moitos xa coñecen popularmente como "papabuxos" pola súa rápida acción destrutora sobre os arbustos desta especie arbórea (Buxus sempervirens), moi utilizados en parques e xardíns públicos.

Procedente de Asia, en Europa este tipo de eiruga localizouse por primeira vez en Alemaña no ano 2006. De alí deu o salto ao sur do continente, e no 2014 detectouse xa na nosa comunidade galega, no municipio pontevedrés de Tomiño. Desde entón, a imaxe do papabuxos saltou con frecuencia aos medios de comunicación polos danos causados a xardíns históricos das Rías Baixas, como o de Castrelos de Vigo, ou o excepcional bosque de buxo da illa de San Simón. Pero a acción devastadora da couza asiática seguiu estendéndose pola xeografía galega chegando a Ferrolterra e outros lugares.

Tras pasar o inverno aletargadas, coa chegada da primavera é cando o problema sae á luz, xa que o ciclo vital da couza asiática esténdese de abril a setembro. Espertan e aliméntanse vorazmente das follas para formar despois un botón sedoso e transformarse en couzas. Cando son xa bolboretas, aparéanse e fan postas de ovos no interior das follas, das que nacen novas eirugas. O problema é que reprodúcense moi rapidamente (este ciclo pode chegar a repetirse tres ou catro veces desde a primavera ata o outono) e, ademais, na nosa comunidade, Galicia, non conta con depredadores naturais, como si ocorre no seu lugar de orixe. Tan só as avespas asiáticas atacáronas, pero esa é outra especie invasora contra a que tamén se está loitando, polo que non se pode considerar unha boa aliada para erradicar a Cydalima perspectalis.

Para evitar que a couza asiática siga ameazando os nosos sebes, recoméndase un tratamento combinado que ataca tanto aos ovos e larvas como ás eirugas adultas, aplicando un insecticida específico, e facelo cando o sol cae. Pasados catro días, hai que repetir a operación. E ao cabo duns cinco días, actuar sobre as larvas e os ovos cun tratamento biolóxico con bacterias Bacillus thuringiensis.

De non tomar medidas, os danos ambientais que pode causar son moi grandes, como a desaparición das follas e como consecuencia a morte da planta ao non poder facer a fotosíntese.

Catalogada como especie invasora en Europa, atópase en plena expansión en España, sobre todo en Navarra, País Vasco e Cataluña.

FONTE: Beatriz Antón/lavoz.es e J. Luis Gallego/lavanguardia.com

0 comentarios