Facebook Twitter Google +1     Admin
20151212230701-france-cop21-2-.jpg

Acordo histórico en París / Imaxe:elnuevoherald.com

Os 195 países reunidos desde hai dúas semanas no Cumio de París chegaron finalmente a un acordo contra o quecemento global, o primeiro “pacto universal da historia das negociacións climáticas”, segundo o bautizou o presidente francés, François Hollande, ao presentar onte sábado pola mañá o borrador final. Un texto que foi debatido nas últimas horas e que busca limitar o aumento da temperatura media do planeta, fixa teito ás emisións de gases de efecto invernadoiro e establece un sistema de financiamento para que os países con menos recursos poidan adaptarse para os efectos do cambio climático.

Trala reunión do plenario, no que se deu conta dos últimos retoques ao documento, o ministro de Exteriores francés, Laurent Fabius, cun amplo sorriso, anunciou cun golpe de mazo o acordo sobre o cambio climático. Os asistentes alzáronse dos seus asentos para un longo e sonoro aplauso polo fito alcanzado.

A recta final para acadar o acordo histórico arrincou esta onte pola mañá coa presentación por parte de François Hollande, e o seu ministro de Exteriores, Laurent Fabius, do texto final despois dunha intensa noite de negociacións, marcada polo pulo entre os países desenvolvidos e China e India polo nivel de implicación neste pacto das economías emerxentes. O texto preparado por Fabius, encargado de liderar as negociacións como anfitrión do cumio, contaba de entrada cun alto grao de apoio, aínda que fontes da delegación europea sinalaron que aínda non era "100% seguro" que se fose a aprobar.

Para despexar esta incógnita completamente había que esperar a un plenario dos 195 países representados que se atrasou varias horas sobre o previsto. O plenario era o que debía aprobar o texto, que debían aceptar todos. Agora, cada país terá que ratificalo a partir da primavera do próximo ano.

Ao redor das seis da tarde, xusto antes de iniciarse o plenario, xa eran maioría os países que se pronunciaron a favor do texto do acordo. O G77, que agrupa a 134 Estados en vías de desenvolvemento ou emerxentes, entre eles China, declarábase “satisfeito” do proxecto, e pouco antes outros vinte países, como India e Arabia Saudita, anunciaran o seu respaldo, así como Estados Unidos e a Unión Europea.

O texto final do acordo de París ten como obxectivo principal impedir que o aumento da temperatura media do planeta a final de século polo cambio climático supere os dous graos con respecto aos niveis preindustriales. E tamén se apunta a que se deben facer esforzos para que "non supere os 1,5". Ademais, busca un sistema de financiamento para axudar aos países con menos recursos a adaptase para os efectos do cambio climático de 100.000 millóns de dólares anuais.

Nunha primeira lectura, as principais ONG consideraron que o compromiso climático proposto é un xiro "histórico" que fai irreversible a transición a unha economía baixa en carbono, aínda que a partir de agora hai que presionar a gobernos e empresas para cumprilo e elevar as súas ambicións.

Hollande lanzou tamén unha clara petición aos representantes dos 195 países: "Francia rógalles que adopten o primeiro acordo universal da historia das negociacións climáticas". "É moi raro na vida ter a oportunidade de cambiar o mundo e vostedes téñena", engadiu o presidente francés, que foi despedido con aplausos.

Tanto Hollande como Fabius, que foi o que bregou cos ministros durante estes últimos días, apelaron á responsabilidade dos negociadores. "Non se cumpriron as esixencias de todos", sostivo o presidente. "Non nos van a xulgar por unha palabra concreta, senón por todo o texto no seu conxunto", afirmou. "Está en xogo a nosa credibilidade colectiva".

"Estamos case ao final do noso camiño", dixo, pola súa banda, Fabius. "O mundo enteiro contén o alento e conta con todos nós", engadiu. "É o mellor equilibrio posible", sostivo Fabius sobre o texto final a acordar, aínda que tamén admitiu que non se pode contentar aos 195 países, que en moitos casos teñen intereses enfrontados, pero permitirá a cada un volver a "casa coa cabeza no alto e con logros importantes". "O mundo enteiro contén o alento e conta con todos nós", rematou o ministro francés de Exteriores, interrompido en sete ocasiones por aplausos.

No acto de presentación de texto estivo tamén John Kerry, secretario de Estado de EEUU, que se encargou de dirixir aos negociadores norteamericanos neste cumio. Tamén, o secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon.

No texto final presentado por Fabius o obxectivo que se establece é que o aumento máximo da temperatura media do planeta non supere os 2 graos centígrados respecto dos niveis preindustriales e ábrese a posibilidade para rebaixar esa meta a 1,5 graos. Desde o ámbito científico sinalouse que, tras décadas de emisións de gases de efecto invernadoiro, xa non é posible parar o quecemento do planeta. O que se busca agora é tentar que non se supere esa barreira dos dous graos para evitar consecuencias catastróficas. Para iso, é necesario limitar as emisións destes gases, principalmente, do dióxido de carbono.

FONTE: Xornal El país/ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.