ASÍ PODE O PO DO SAHARA CONXELAR A TERRA
A densa e molesta calima (vento con area en suspensión) procede do Sahara / NASA
O corredor de ventos do sur que xerou durante os últimos días o anticiclón situado ao leste e as borrascas ao oeste non só permitiu que as temperaturas fosen elevadas, senón que tamén canalizou calima ou po do deserto cara a Canarias e a Península.
Un artigo publicado na revista Nature desvelou ademais como a calima provocou ao longo da historia períodos glaciares. E como sempre ocorre, todo ten que ver directamente coa cantidade de dióxido de carbono presente na atmosfera. Mentres o po do deserto atravesa o Atlántico unha parte cae cara á superficie oceánica e o ferro que contén tamén favorece a fertilización do fitoplancto, un elemento que inflúe directamente na fotosíntesis. Este proceso tradúcese nunha maior absorción de dióxido de carbono, que pasa da atmosfera ao fondo mariño. Segundo os autores da investigación este mecanismo estaría detrás de polo menos a metade de redución do famoso gas de efecto invernadoiro durante os etapas glaciares.
A influencia do ferro foi descuberta no ano 1987 polo oceanógrafo estadounidense John Martin tras analizar antigas burbullas de aire atrapadas en núcleos de xeo da Antártida, que permiten aos científicos viaxar no tempo para coñecer a composición da atmosfera do pasado. Martin propuxo que este elemento tivo un impacto notable ata o punto de ter transformado a superficie do océano durante a última Idade de Xeo. Como adoita ser habitual, a comunidade científica reaccionou con escepticismo á súa teoría, pero ata oito experimentos realizados entre 1993 e o 2005 confirmaron a tese da relación entre o ferro, o aumento das algas mariñas e o descenso do dióxido de carbono.
FONTE: X.Fonseca/lavoz.es
0 comentarios