Facebook Twitter Google +1     Admin

 

A máis exacta, bela e angustiosa definición da finitude humana foi publicada por Jorge Luís Borges, sempre lúcido, na súa Nova refutación do tempo. O arxentino escribiu: “O tempo é a sustancia de que estou feito. O tempo é un río que me arrebata, pero eu son o río; é un tigre que me esnaquiza, pero eu son o tigre; é un lume que me consome, pero eu son o lume. O mundo, desgraciadamente, é real; eu, desgraciadamente, son Borges”. Ao ser humano sempre lle obsesionou medir o tempo; inventou magnitudes nun intento infrutuoso de controlalo ou de atrapalo, porque todos sentimos algunha vez, como Mario Benedetti, que necesitamos “ese tempo que outros deixan abandonado porque lles sobra ou xa non saben que facer con el”.

Existen evidencias arqueolóxicas da utilización de reloxos desde épocas moi remotas. Un reloxo solar atopado no Val dos Reis de Exipto ten máis de 3.000 anos de antigüidade e hai referencias que indican a existencia de mecanismos mesmo anteriores. A fabricación destes reloxos, que aínda poderían ser utilizados, non só demostra un coñecemento profundo de astronomía, senón tamén a necesidade humana de construír algo que transcenda. Que vaia máis aló da curta experiencia vital do propio construtor. Esta forma de idear é seguro compartida por William Daniel Hillis, inventor, matemático, enxeñeiro e un dos pensadores máis orixinais sobre o futuro que nos agarda. De feito Hillis atópase embarcado nun proxecto xigantesco: “para min pensar a longo prazo é pensar na traxectoria humana e que chegaremos a ser. Por iso o primeiro proxecto a longo prazo que fixen por min mesmo, e fíxeno para min, foi construír un reloxo que dura 10.000 anos”.

O reloxo, e as infraestruturas que necesita ao redor, aínda está en construción e non ten unha data precisa para a súa finalización. Poderiamos avalialo como a gran obra de enxeñería que é, cos metros de montaña furadas, as toneladas de aceiro, titanio e cerámica utilizadas ou os complexos mecanismos de precisión que require. Pero é a súa dimensión poética, enxeñería do espírito, o que de verdade fai vibrar a Danny Hillis, tal e como describiu na web do proxecto: “cando era un neno, a xente falaba do que pasaría no ano 2000. Durante 30 anos estiveron a falar do que pasaría entón, pero agora ninguén menciona unha data do futuro. O futuro foise reducindo ano a ano durante toda a miña vida. Creo que chegou o momento de comezar un proxecto a longo prazo que permita á xente superar esa barreira mental que lles fai pensar nun futuro cada vez máis curto”.

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal abc

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.