Facebook Twitter Google +1     Admin

 

Na mitoloxía nórdica, as valquirias sobrevoaban as batallas en cabalos alados ou cabalgaban a lombos de lobos, seleccionando entre os homes aqueles que deben vivir ou morrer para despois acompañar aos elixidos ata o Valhalla. Neste palacio maxestuoso construído xunto á residencia de Odín, os guerreiros, comían carne de xabaril, bebían hidromel e pelexaban entre eles preparándose para a gran batalla do fin do mundo. Non había maior gloria para un home que morrer en combate e gañar a recompensa de gozar desta divina cea. Así que nada mellor que unha valquiria para axudar aos homes para conquistar o planeta Marte, nomeado así en homenaxe a outro deus guerreiro e fero como Odín. Pero aínda que esta dama non viste túnica branca nin posúe a beleza das coidadoras do Valhalla, si consegue o obxectivo para o que foi deseñada, talvez tamén se converta en inspiración para algún compositor como xa o foron as súas divinas predecesoras para Richard Wagner.

Con máis de metro oitenta de estatura e 125 quilos de peso, a robot humanoide da NASA ten máis feituras de loitador grecorromano que de fráxil doncela. Unha complexión que lle será moi útil para moverse nos hostís ambientes que a esperan en Marte. A Axencia Espacial Americana, que planea enviar astronautas ao planeta vermello no ano 2030, pretende conseguir que varios robots como Valkirye aterren alí antes da chegada do home para preparar o terreo e axudarlles despois en distintas tarefas. O desafío é maiúsculo, posto que son moitas as dificultades deben encarar: o robot debe ter suficiente estabilidade para traballar en terreos abruptos, capacidade para recibir ordes salvando a distancia entre a Terra e Marte, así como cámaras e sensores moi precisos para realizar tarefas de forma autónoma. A robótica, con todo, non alcanzou aínda o nivel requirido para levar a cabo algúns destes desenvolvementos, por iso é polo que a NASA puxo en marcha unha ambiciosa competición na que están a participar varios dos equipos de investigación máis avanzados do mundo. É o Space Robotics Challenge, dotado cun millón de dólares de premio. Os participantes terán que programar unha Valkyrie virtual para completar unha serie de tarefas como aliñar correctamente un módulo de comunicacións ou reparar un panel solar despois dunha das terribles tormentas de po que son habituais en Marte.

Taskin Padir, profesor de enxeñería eléctrica e computacional na Northeastern University, lidera un dos equipos implicados no proxecto. O profesor Padir está convencido que a súa Valkirye será decisiva na conquista de Marte e que a robot conseguirá os obxectivos marcados pola NASA, aínda que non se atreve a dar unha data precisa. "Algúns días penso que estamos tan preto de logralo que imaxino que ao día seguinte todo estará resolto. Pero outras veces véxoo demasiado lonxe. Pero estou seguro de que un día, unha dos seus descendentes, será capaz de viaxar a Marte e realizar todas estas duras tarefas".

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País/Ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.