20170103101712-14833581197987.jpg

Un peixe pallaso pode transformarse de macho a femia en ausencia dunha femia adulta / Till RothigKAUST

Nalgunhas especies de peixes de arrecife, que un peixe cambie de sexo tras reproducirse varias veces non é unha novidade. Pero este proceso de hermafroditismo secuencial seguía sendo un misterio para os científicos desde o punto de vista molecular.

Nas familias dos peixes pallaso (Amphiprion bicinctus), é habitual atopar un macho e unha femia adultos e varios xuvenís. Cando a femia desaparece, o macho altera os seus niveis de hormonas e os seus comportamentos, transformándose nunha femia cun obxectivo: restaurar o equilibrio anterior. Estas características permiten que as poboacións sexan máis resistentes ás alteracións da súa contorna e evitan o fracaso das súas habilidades reprodutivas.

Un equipo da King Abdullah University of Science and Technology (KAUST) en Arabia Saudita estudou a bioloxía que explica este fenómeno, identificando os cambios na expresión dos xenes dentro do cerebro e as gónadas que conducen ao proceso do hermafrodismo secuencial.

Para iso, os científicos compararon os perfís de actividade xenética en machos e femias adultos, así como en machos que se atopaban en múltiples estadios do proceso. Despois de estar dúas semanas separados dunha femia, os investigadores detectaron claros cambios na expresión dos xenes no cerebro dos machos que aparentemente anuncian o inicio da transición de sexo. Outras alteracións complementarias na expresión génica gonadal fixéronse evidentes unhas semanas máis tarde.

Desta maneira e grazas ao estudo publicado en "Scientific Reports", o equipo puido trazar a maquinaria xenética que leva a este proceso. "Identificamos un gran número de secuencias moleculares candidatas que son capaces de afinar e, por tanto, controlar a proporción de cada sexo nunha poboación de peixes", explica Timothy Ravasi, do Programa de Epigenética Ambiental da KAUST.

Un candidato crave é un xene que codifica unha encima denominada aromatasa, responsable dun paso fundamental da biosíntesis dos estrógenos. Esta encima estaba altamente expresada nos cerebros e gónadas dos peixes que se adaptaban ás alteracións do sexo.

Ademais, o equipo de científicos tamén descubriu que, probablemente, moitos outros xenes interactúen coa aromatasa xestionando a dexeneración dos testículos e o desenvolvemento dos ovarios. Con estes achados sobre esta complexa transformación biolóxica, os científicos esperan explorar como os factores ambientais, e especialmente o cambio climático, inflúen neste proceso adaptativo.

"Non estamos seguros de se o quecemento e a acidificación do océano poden influír na regulación controlada dos cambios de sexo", sinala Ravasi. "Por iso estamos a expoñer os peixes a condicións oceánicas previstas para finais de século e tratando de entender se o cambio climático altera estas vías moleculares",conclúe o experto.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.