Facebook Twitter Google +1     Admin

O "BOLI" MILAGROSO

Publicado: 22/01/2017 10:06 por vgomez en OUTRAS COUSAS

 

A meninxite bacteriana é unha desas enfermidades cuxo nome causa temor con tan só mencionalo. Especialmente porque a súa mortalidade afecta os pacientes máis vulnerables, os nenos, nos países máis desfavorecidos. Segundo cifras da Organización Mundial da Saúde, a meninxite bacteriana causa anualmente a morte de 240.000 nenos menores de cinco anos no mundo (ao redor de 60.000 deles neonatos). A maioría destas mortes son por causa dun diagnóstico tardío ou equivocado debido á complexidade de identificar os síntomas con certeza (febres sen causa aparente, dores de cabeza, náuseas e vómitos, entre outros). Ata agora, só unha punción lumbar podía identificar a enfermidade correctamente, un método doloroso para os pequenos e na maioría das ocasións difícil de realizar en moitos lugares por falta de medios adecuados. A situación en países ricos é, obviamente distinta á que sofren en amplas zonas de África, xa que, en primeiro lugar, a taxa de incidencia da enfermidade é relativamente baixa e, ademais, os hospitais contan co material adecuado. Aínda así, son miles os nenos (calquera que teña un fillo sabe o que é pasar horas no hospital por un cadro de febres altas) que ven sometidos a unha punción lumbar sen necesidade de facerlles pasar por ese grolo: na Unión Europea, por exemplo, realízase esta intervención diariamente sen necesidade a 271 nenos.

Todas estas puncións innecesarias poden pasar á historia grazas á idea dun enxeñeiro español, Javier Jiménez. O seu invento, que desenvolveu a través dunha empresa fundada por el mesmo (Newborn Solutions) é un dispositivo con forma de bolígrafo, que mide a través de ultrasonidos os glóbulos brancos que se atopan no fluído cerebroespinal situado debaixo da fontanela do bebé (a zona onde se unen os ósos do cranio e que ata os 18 meses de idade non se pecha por completo). Pero máis importante, o que permite Neosonics é detectar a presenza anormal destas células nas meninges dunha forma rápida, económica e non invasiva. Así se pode iniciar a tempo un tratamento con antibióticos ata que se realicen as probas definitivas.

Jiménez sabe que a súa idea pode ser crucial para salvar miles de vidas nos próximos anos. De momento está a ser probado con éxito e a idea de Newborn é lanzalo ao mercado nun ano aproximadamente. Jiménez, que foi recoñecido como o mellor innovador menor de 35 pola edición española do MIT Technology Review, cre que esta técnica pode servir, ademais, para diagnosticar outras infeccións. E tamén que o prezo dos dispositivos debe ser o suficientemente económico como para ter impacto nos países onde máis se necesita. Porque, como asegurou ao recoller o seu premio do MIT, "a innovación non vai sobre tecnoloxía, vai sobre persoas".
 
FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.