Facebook Twitter Google +1     Admin

A CIDADE DOS CATRO ELEMENTOS

Publicado: 25/01/2017 07:14 por vgomez en CURIOSIDADES
20170120231517-elementos.jpg

 

Ytterby, un pobo situado na illa de Resarö, no arquipélago de Estocolmo (Suecia) ten o privilexio de ser a cidade que máis elementos químicos deu á ciencia.

En 1787 o novo tenente do exército Karl Axel Arrhenius descubriu un estraño resto dunha roca negra, moi parecido a un grumo de carbón, nunha vella canteira preto da aldeíña sueca de Ytterby. O nome dese descoñecido villorrio significa simplemente "pobo das aforas". Que o seu nome suxira unicamente a súa localización dá idea de que non posúe ningunha característica rechamante.

Arrhenius sabía que a roca pesaba demasiado para ser carbón polo que creu atopar un descoñecido mineral de tungsteno, metal que fora descuberto en España 4 anos antes. Curiosamente o tungsteno (que vén do sueco tung sten, pedra pesada) é o único elemento que ten dous nomes. O segundo é wolframio (do alemán lobo sucio). Foi descuberto polos irmáns Fausto e Juan José Elhuyar no Seminario de Vergara. O primeiro quería chamalo wolframio (nome que triunfou en Alemaña, España e Italia) e o segundo tungsteno (en Inglaterra e Francia).

Para as análises Arrhenius pasou a mostra ao químico Johan Gadolin da universidade de Åbo, entón en Suecia e hoxe Turku, Finlandia. Gadolin (que ten un elemento co seu nome, o gadolinio, tamén atopado en Ytterby) traballou co material de Arrhenius ata 1794, cando anunciou que no seu interior descubrira unha nova ’terra’ que representaba o 38% do seu peso total. Chamouno unha ’terra’ porque non puido separar o osíxeno que contiña polo método tradicional de quentar intensamente con carbón vexetal. Bautizouno como yttria, en honra a Ytterby. E aínda que o deletreó mal, o nome callou.

Yttria era, de feito, óxido de ytrio. O metal en si foi illado ao quentalo con cloruro de yitrio con potasio por Friedrich Whöler en 1828 (o mesmo ano en que sintetizou a urea, tendendo a ponte decisiva que uniría a química inorgánica coa orgánica).

O mineral do cal se extraeu o óxido de ytrio chamouse gadolinita, que é un silicato de berilio, ferro e ytrio. Que contivese berilio e Gadolin non o descubrise é sorprendente, pero semellante fallo permitiu a Nicolas-Louis Vauquelin obtelo en París 4 anos despois. Hoxe sospéitase que a "terra nova" de Gadolin estaba contaminada con moitos outros elementos; pero iso nunca o saberemos porque a súa colección perdeuse cando a universidade foi destruída polo lume en 1827.

En 1843 Carl Gustav Mosander, investigando o óxido de ytrio máis detalladamente, descubriu que estaba realmente composto por tres: o óxido de ytrio, que era branco; o óxido de terbio, que era amarelo; e o óxido de erbio, que era rosado. Os nomes destes dous novos elementos son, como pode supoñerse, variacións sobre o mesmo tema: a cidade de Ytterby. O cuarto elemento, illado desas mostras contaminadas de ytrio en 1878, si rende esa merecida homenaxe á cidade: Yterbio.

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.