Facebook Twitter Google +1     Admin

  El mapa muestra las áreas de muestreo durante la expedición, el flujo de la corriente termohalina y la concentración de plástico por Km2.

 O mapa mostra as áreas de mostraxe durante a expedición, o fluxo da corrente termohalina e a concentración de plástico por Km2 / Andrés Cózar

Os plásticos arroxados ás praias da costa este de EE UU ou da Europa atlántica acaban no polo norte. Unha mostraxe das augas do océano Ártico desvela que ata alí chegan o polietileno das bolsas, os gránulos usados nas cremas exfoliantes e unha longa lista de residuos de plástico. A principal corrente mariña leva o lixo humano ata tan ao norte.

Nos mares da rexión ártica hai entre 100 e 1.200 toneladas de plástico flotando, segundo esta investigación, publicada en Science Advances. Os investigadores non poden afinar máis: na inmensidade do mar, lanzaron unha rede especial en 42 zonas de mostraxe mentres circunnavegaban o Ártico a bordo da expedición Tara. Coa concentración atopada nesas áreas, extrapolaron a todo o océano. En valores medios, o número de anacos de plástico que pode haber rolda os 300.000 millóns, case todo en minúsculos fragmentos.

Os investigadores, que rodearon o casquete polar en retirada durante o verán de 2013, comprobaron con todo que a maior parte do Ártico esta libre de plásticos. Polo menos nas augas máis superficiais que estudaron, o 95% dos residuos plásticos concéntranse no mar de Barents, ao norte de Noruega e Rusia, e no mar de Groenlandia, ao leste da gran illa.

Esta concentración xeográfica do plástico xa daba pistas do que os investigadores querían comprobar: como chega tanto plástico tan ao norte? "Lévao a circulación termohalina, a corrente que redistribúe a calor dos trópicos a latitudes máis elevadas", explica un dos investigadores.

Esta circulación, que afecta ao clima de todo o planeta, leva as augas máis cálidas do Atlántico ata o Ártico e, con elas, o plástico. Ao chegar ao océano Ártico, a auga máis fría afúndese e reinicia o ciclo, deixando o plástico arriba. A súa concentración nos mares de Barents e Groenlandia termínase de explicar pola presenza das masas de terra que os rodean e a auga doce do desxeo, máis densa, que frea o avance do plástico.

Para determinar a orixe dos plásticos, os investigadores tiveron en conta unha conxunción de factores. Por unha banda, a baxísima densidade de poboación da zona e o seu relativo menor tráfico marítimo arroxan cocientes imposibles de polución plástica por habitante. Ademais, o diminuto tamaño e a composición deste lixo, onde escasea o filme de plástico (máis fotodegradable), indicarían que fixo unha viaxe moi longa ata chegar aquí.

A proba definitiva obtivérona dunha serie de boias con seguimento por satélite despregadas polo Atlántico. Destinadas para outros fins, os investigadores comprobaron como acababan nas mesmas augas do Ártico onde eles recolleron tanto plástico. Como di nunha nota do coautor do estudo: "O preocupante é que gran parte do plástico flotante atopado nos mares de Groenlandia e Barents provén das costas do Noroeste de Europa, Reino Unido ou a costa este de Estados Unidos. É o noso lixo a que acaba alí".

FONTE: Xornal El País/Ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.