Teñen os galegos fama de ser capaces de dicir unha cousa e a súa contraria nunha mesma frase. Unha forma moi súa de levar sempre a razón e demostrar que a ironía é unha ferramenta en grao sumo útil nas discusións. Por non deixar as cousas claras, non o fan nin tan sequera no nome dun dos seus lugares máis emblemáticos, a Ribeira Sacra, unha zona que comprende as ribeiras dos ríos Cabe, Sil e Miño entre as provincias de Lugo e Ourense, famosa pola calidade dos seus viños. Tradicionalmente, a toponimia sacra era atribuída á gran cantidade de mosteiros e templos edificados no lugar dende hai miles de anos (e dos cales aínda se poden visitar 18). Con todo, hai historiadores que defenden que a primeira tradución do latín orixinal realizada por Frei Antonio de Yepes era errónea debido a unha mala transcrición. E que o sacro non eran os mosteiros, senón os carballos, abundantes e esenciais na cultura dos druídas. O pío e o pagán nun mesmo nome. Pura esencia galega. No que non hai contradicións é na excelente calidade dos seus viños, denominados xenericamente mencías, famosos desde épocas remotas, tanto que se conta que Julio César ordenaba traelos desde Galicia ata Roma para o seu consumo persoal.

A forma tradicional de cultivo das viñas na Ribeira Sacra é en bancadas desde a época dos romanos. Debido á orografía destas terras, as terrazas dun mesmo viñedo poden ter desniveis que alcanzan os 30 metros, polo que o traballo foi historicamente duro e difícil, ata o punto de ser denominado viticultura heroica. Traballar alí adquire en ocasións condiciones máis propias do montañismo que da agricultura, con vendimiadores que se descolgan con arneses e pequenos raíles que se montan ocasionalmente para facilitar o ascenso polas ladeiras coas caixas repletas de uva. Unha tarefa dura que forma tamén parte da idiosincrasia dos viños producidos.

Pero agora, grazas á tecnoloxía, o coidado destas vides pode resultar un pouco máis fácil. O proxecto Ecovine, impulsado pola adega Ponte da Boga, fundada en 1898, empezou a introducir drons deseñados especificamente para a agricultura de precisión. As naves incorporan cámaras que fotografan o espectro de luz do viñedo para, posteriormente, xunto cos datos de distintos sensores instalados no chan, ser máis precisos na toma dalgunhas decisións relativas ao cultivo. A través da información recollida pódese obter información esencial como cal é o mellor momento para a vendima, se hai algunha enfermidade que ameace á uva ou as necesidades de auga nun momento determinado. As novas tecnoloxías non desterrarán, con todo, a compoñente humana do proceso. 

Tradición milenaria e modernidade, outro dualismo galego...

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El Pais