Un recente estudo publicado pola revista Science e realizado pola universidade sueca de Uppsala alertaba de que algunhas especies mariñas estaban a comezar a incluír os plásticos na súa dieta. A larvas destas especies, engadía o estudo, cando medraban convertíanse en especímenes adultos "máis pequenos, máis lentos e máis estúpidos". Ata non fai moito, pensábase que os animais que inxerían estes plásticos presentes nos nosos mares e océanos facíano de forma accidental. Pero novas investigacións demostran que non é así, senón que estes restos exercen unha atracción irresistible para algúns peixes debido ao cheiro que desprenden os residuos. Ao parecer, ao entrar en contacto coa auga salgada, os plásticos comezan a cheirar de forma similar ao krill ou o plácton, o que leva ás especies mariñas a comelos. E, o que é peor, como demostraba o estudo da universidade de Uppsala, a engancharse literalmente á súa inxesta. Oona Lonnstedt, directora da investigación, asegurou que "o plástico ten propiedades químicas ou físicas que xeran unha necesidade particular de comida nestes peixes. Eles cren erroneamente que se trata de comida de alto valor enerxético e que necesitan comer moito. Pero é algo parecido ao que ocorre co comido lixo pouco saudable nos adolescentes: están simplemente enchéndose".

O problema, lonxe de solucionarse, increméntase cada ano coa vertedura de oito millóns de toneladas de plásticos. Hai investigadores que aseguran que no 2050 haberá máis plástico que peixes nos mares. Un desastre ambiental que pode converterse en irreversible se non actuamos a tempo. Algunhas destas accións sitúanse no terreo puramente reivindicativo, como a impulsada por unha organización que pretende converter a gran illa de lixo plástico que se atopa no océano Pacífico (e que ten unha superficie similar a Francia) nun estado independente. Xa contan coa súa propia bandeira, nome (Illa Lixo) e moeda. Pero existen moitas outras iniciativas científicas e tecnolóxicas que poden axudar a que os océanos continúen sendo, como ata agora, un alicerce indispensable para a vida no noso planeta.

Unha das máis enxeñosas é a que está a desenvolver Seabin, compañía fundada por Andrew Turton e Pete Ceglinski, dous namorados do mar capaces de arriscalo todo nun proxecto cuxa xenialidade reside na súa aparente sinxeleza, xa que se trata de instalar papeleiras no mar capaces de recoller os plásticos flotantes. Os inicios, conta Ceglinski, non foron sinxelos: "En 2015 deixei o meu traballo e con todo o diñeiro que aforrara aluguei a fábrica na que estamos agora. Gasteime todo o que tiña en acondicionala e estiven a vivir alí mesmo durante un ano e medio porque non podía permitirme unha casa". Dous anos despois, SeaBin conta cun equipo de especialistas e xa demostrou que os seus produtos funcionan. O reto a partir de agora, cando está a piques de comezar a súa comercialización, é conseguir que estas papeleiras sexan capaces de recoller nanoplásticos e microfibras, moito máis complexas de atrapar polo seu pequeno tamaño. A tecnoloxía de SeaBin pode axudar a paliar o problema da contaminación marítima, pero como recoñece Ceglinski, a única solución definitiva está en "ensinar aos nenos e mozos a non comprar plásticos dun só uso, a non arroxalos ao mar, a reciclar. Así non necesitaremos as nosas papeleiras porque o problema deixará de existir. A verdadeira solución non é a tecnoloxía, senón a educación".

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País