Aniñaban en colonias, tiñan longos períodos de incubación e precisaban do coidado parental tras nacer. Así eran os primeiros vertebrados voadores, os pterosaurios da especie Hamipterus Tianshanensis, segundo un estudo publicado hai uns días na revista Science. Os investigadores chegaron a estas conclusións tras analizar unha colección de 215 ovos fosilizados atopados nun xacemento en China do cretácico inferior, hai uns 130 millóns de anos.

Esta investigación bota abaixo algunhas hipóteses previas. Por exemplo, algúns estudos defendían que os exemplares recentemente nados podían voar, pero baseábanse en “materiais máis indirectos, como anacos de cascas ou algún óso illado”. Un dos investigadores do estudo, explica que as crías podían correr pero non voar. “Estas conclusións baséanse no feito de que os ósos das ás, como o húmero, estaban menos osificados que os ósos das pernas, como o fémur”, sostén.

O equipo de investigadores utilizou a tomografía computarizada para examinar o interior dos 215 ovos atopados. Deles, 16 contiñan restos de embrións en diferentes etapas de desenvolvemento, o que revela que os pterosaurios aniñaban en colonias. A partir das marcas de crecemento, os investigadores estiman que un dos exemplares tiña unha idade de polo menos dous anos no momento da súa morte. De aí derivan que os Hamipterus Tianshanensis tiñan “longos períodos de incubación”.

Ata o momento, só atopáronse un puñado de ovos tridimensionales de pterosaurios ben conservados e un embrión no seu interior. Tres deles procedían de Arxentina e cinco de China. En moitas ocasións o comportamento dos animais é difícil de deducir a partir dun fósil. Ademais, especies da mesma familia biolóxica ás veces teñen comportamentos moi distintos. Por iso, os investigadores non cren que se poidan extrapolar todas as conclusións a outros tipos de pterosaurios. “Foi un grupo moi variado que tivo o seu éxito porque no aire non tiña case competidores e puido explotar moitos recursos”, explican. Os investigadores do estudo sinalan tamén que sería necesario atopar máis ovos para ter unha visión máis completa do desenvolvemento dos pterosaurios. Con todo, recoñecen que é complicado que isto ocorra debido á rareza do material.

FONTE: Isabel Rubio/Xornal El País/Ciencia