Blogia
vgomez

COMEZA O ANO CHINO 4716: "CAN DA TERRA"

Horóscopo Chino

 O can 狗, animal diste ano chino / Imaxe: confuciomag.com

Hoxe, venres, 16 de febreiro, empeza a celebración do Ano Novo Chinés 2018, o 4716 para eles, unha das tradicións máis emblemáticas do país asiático, que representa a chegada da primavera, o fin dunha etapa e o inicio doutra. Será, ademais, o Ano do Can de Terra (o que nos deixa estivo dedicado ao Galo Vermello de Lume).

Baseado no calendario lunisolar​ tradicionalmente utilizado en China, as celebracións comezan o primeiro día do primeiro mes lunar e rematan o día quince, cando se celebra o Festival dos farois. Durante este período, prodúcese a maior migración humana do planeta, o "movemento de primavera", con millóns de persoas viaxando aos seus lugares de orixe para celebrar as festas coas súas familias,

Na antiga China, para enumerar os anos aplicábase o uso dos títulos dos emperadores e do sistema celeste ganzhi, así no ano 2937 a. C. elaborouse o primeiro calendario lunar chinés, segundo o cal cada signo consta de 60 anos (tempo do reinado do Emperador Amarelo), distribuídos en cinco ciclos de doce anos cada un. Foi a partir da dinastía Han do Leste (25-220), cando os chineses comezan a usar os doce signos de animais en orde: Rata, Boi, Tigre, Coello, Dragón, Serpe, Cabalo, Cabra, Mono, Galo, Can e Porco. Segundo os antigos filósofos chineses, os cinco elementos fundamentais do Universo que se combinan cos doce animais e inflúen na súa personalidade son: o metal, a madeira, a auga, o lume e a terra. Cada elemento reina dous anos, un baixo o signo do Yang e outro baixo o signo do Yin, establecéndose así un equilibrio perfecto. 

Na cultura chinesa existe a tradición de outorgar un signo do zodíaco aos recentemente nados. O signo que se lle adxudica a cada persoa depende do ano no cal naceu e as características do animal outorgado determinarán o carácter, os sucesos ou, mesmo, a sorte desa persoa durante o ano do seu signo.

Iste ano o animal é o can, e o seu horóscopo di que o can é un ser dedicado ao traballo, honesto, confiable, dilixente, cun gran sentido da xustiza e a lealdade. Cativa a todos coa súa personalidade excitante, o seu bo humor e a súa gran capacidade para escoitar os problemas dos demais e dar bos consellos. No amor son fieis e leais, aínda que moi celoso cando a súa parella non está na casa. Os nervios son o seu maior problema de saúde.

FONTE: abc.es e confuciomag.com

0 comentarios