Enhamed Enhamed está considerado como o mellor nadador paralímpico da historia. Alcumado como o "Michael Phelps español", este atleta ten un espectacular palmarés con trinta e sete medallas repartidas en doce anos de carreira profesional, e entre as que destacan, oito campionatos do mundo, tres europeos e catro medallas de ouro en tres Xogos Olímpicos. Máis aló da súa colección de premios, Enhamed brilla pola súa capacidade para axudar a desenvolver o máximo potencial de estudantes, deportistas e profesionais de todos os ámbitos. As súas leccións de vida están repletas de inspiración: “Aos 8 anos non perdín a vista, gañei a cegueira”; “Non creo nos soños, os soños non teñen data, eu teño plans"… A Enhamed gústalle fixar as súas metas sempre por escrito e situar o esforzo por encima da motivación. Unha actitude que non queda en palabras baleiras, e aínda que xa está retirado da máxima competición, el segue explorando límites e supera retos como subir ao Kilimanjaro ou converterse na primeira persoa cega en cruzar a nado o estreito de Xibraltar. E é que, como el mesmo di, a paixón da súa vida é descubrir como aprendemos a converternos nas persoas que queremos ser. Nese camiño, Enhamed sente como un peixe na auga.