Blogia
vgomez

NECESITAMOS QUE A SOCIEDADE RESPECTE AOS DOCENTES



O consumo, a política, a sexualidade ou a educación: o desexo de agradar aos demais -ou segundo Gilles Lipovetsky "a sedución"- invadiu todos os ámbitos da vida social. Esa é a tese que defende o filósofo e sociólogo francés no seu último traballo ’Gustar e emocionar’. Recoñecido internacionalmente como un dos pensadores máis orixinais e importantes do cambio de século, Lipovetsky publicou a súa obra principal en 1983: ‘A era do baleiro: ensaio sobre o individualismo contemporáneo’, onde reflexiona sobre o efémero e o superficial.

Leva trinta anos observando e analizando o mundo presente. O ensaísta por excelencia da posmodernidade -que el prefire tratar de ’hipermoderna’- examina o consumismo, a educación e a cultura como mercadorías, os fenómenos de masas, a moda, o ecoloxismo ou os mass media. E faino de maneira clara, con perspectiva histórica e afastándose da óptica filosófica convencional. “Son un sociólogo na filosofía ou un filósofo na socioloxía”,  fuxe de etiquetas Lipovetsky. Entre os seus nutritivos libros, traducidos a máis de vinte idiomas, atópanse os superventas: ‘O imperio do efémero’, ‘Da lixeireza’, ‘A terceira muller’ ou ‘A estetización do mundo’.

Lipovetsky actualmente é profesor de Filosofía na Universidade de Grenoble. Foi nomeado cabaleiro da Lexión de Honra -máxima distinción de Francia- e é doutor ‘honoris causa’ en media ducia de universidades de varios países. Reclama para os seus colegas docentes máis formación e medios: “Os estados deben tomar a formación dos profesores como un investimento, non como un gasto”, asegura. Cre na educación como resposta. “O noso destino depende do compromiso da humanidade coa escola”, sentenza.

0 comentarios