Tal Ben-Shahar é Doutor en psicoloxía e filosofía e ten o récord da materia con maior número de estudantes da historia da Universidade de Harvard: máis de 1400 alumnos por semestre. Grazas ao seu curso de Psicoloxía Positiva, o profesor Tal Ben-Shahar gañou pronto entre os estudantes o alcume do "profesor da felicidade". As súas leccións dende a ciencia sobre como afrontar a vida con entusiasmo e alegría saltaron da aula para converterse en bestsellers de éxito mundial. É autor de libros como "Elixe a vida que queres" ou "Practicar a felicidade", entre outros, nos que nos fala sobre as emocións e a aprendizaxe, a creatividade, a capacidade de innovación, e en definitiva, a mellora da vida diaria das persoas. As relacións sociais, a amizade, o manexo das emocións negativas ou as rutinas cotiás para aumentar a felicidade, son algunhas das claves que comparte nas súas clases sobre a ciencia da felicidade en universidades como IDC-Herzliya (Israel) e en conferencias de todo o mundo. Pódese aprender a ser feliz? A resposta de Ben-Shahar é "si, podemos cambiar os nosos niveis de felicidade", pero vai máis aló e reclama que deberiamos ensinar nas escolas para ser felices.