Blogia
vgomez

UNHA INVERSIÓN MAGMÉTICA CAUSOU GRANDES EXTINCIÓNS HAI 42.000 ANOS

Imaxe da Terra vista desde o espazo / Shutterstock

A historia da Terra sufriu un punto de inflexión hai 42.000 anos, cando unha inversión dos polos magnéticos produciu unha ruptura temporal de campo magnético, o que provocou importantes cambios ambientais globais e extincións masivas, segundo un estudo que publica Science.

A investigación da Universidade australiana de Nova Gales do Sur (NSSW) e o Museo de Australia Meridional sinala que aquel evento foi provocado pola inversión dos polos magnéticos da Terra combinada co cambio dos ventos solares, o que produciu treboadas eléctricas, auroras xeneralizadas e radiación cósmica.

Aos primeiros seres humanos que tiveron que vivir aquel momento debeulles "de parecer o fin dos días", considerou un dos autores, Alan Cooper do Museo de Australia Meridional. Os investigadores, que bautizaron este período como Evento Adams, suxiren que podería explicar misterios evolutivos, como a extinción dos neandertais ou a repentina aparición xeneralizada de arte figurativo en covas de todo o mundo, ao ter que buscar mais refuxio.

Aínda que os científicos xa sabían que os polos magnéticos cambiaron temporalmente hai uns 41-42.000 anos (o que se coñece como Evento de Laschamps), non coñecían exactamente se afectou á vida na Terra e como o fixo. Por primeira vez, puideron datar "con precisión o momento e os impactos ambientais do último cambio de polos magnéticos", destacou o coautor do estudo Chris Turney, da UNSW.

As antigas árbores kauri de Nova Zelandia, que se conservaron en sedimentos durante máis de 40.000 anos deron as pistas ao equipo, pois analizando os seus aneis, puideron medir e datar o pico dos niveis de radiocarbono atmosférico causado polo colapso do campo magnético e crearon unha escala de tempo detallada de como cambiou a atmosfera. "As árbores kauri son como a Pedra Rosetta, que nos axuda a relacionar os rexistros do cambio ambiental en covas, núcleos de xeo e turberas de todo o mundo", explicou o profesor Alan Cooper, do Museo de Australia Meridional.

Os investigadores compararon esa escala de tempo con rexistros de lugares de todo o Pacífico e elaboraron modelos climáticos globais para descubrir que o crecemento das capas de xeo e os glaciares de América do Norte e os grandes cambios nos principais cintos de vento e sistemas de treboadas tropicais podían remontarse ao Evento Adams. Unha das súas primeiras pistas foi que a megafauna de Australia continental e Tasmania sufriu unha extinción simultánea hai 42.000 anos.

O polo norte magnético, é dicir, a dirección á que apunta a agulla dun compás, non ten unha localización fixa. Adoita oscilar preto do Polo norte (o punto máis setentrional do eixo da Terra) ao longo do tempo debido aos movementos dinámicos dentro do núcleo da Terra, do mesmo xeito que o polo sur magnético. Ás veces, por razóns que non están claras, os movementos dos polos magnéticos poden ser máis drásticos. Hai uns 41.000-42.000 anos cambiaron completamente de lugar.

FONTE: farodevigo.es

0 comentarios