Blogia
vgomez

ÁLBUM DA CIENCIA

ÁLBUM DA CIENCIA

Páxina do Álbum da Ciencia / Imaxe: usc.es

O Consello da Cultura Galega (CCG) recupera e divulgar a memoria e a obra dos protagonistas da modernización científica, cultural e educativa de Galicia no primeiro terzo do século XX a través da publicación no portal de divulgación culturagalega.org do Álbum da Ciencia, que hoxe comenza a súa andaina. 

Que é o álbum da ciencia?

A elaboración dun Diccionario histórico de científicos galegos foi un dos obxectivos básicos do Grupo de Traballo de Historia das Ciencias desde o momento da súa constitución, en 1987, como área do Seminario de Estudos Galegos. O proxecto deseñouse en dúas partes. A primeira, editada en 1993, implicou a redacción dos textos relativos a 121 autores correspondente ao período 1868-1936. A segunda, que apareceu no ano 2005, abordou o período cronolóxico previo e supuxo o achegamento a 80 novos  científicos.

En  2007, ao cumprirse o centenario da fundación da Junta para Ampliación de Estudios (JAE), o Consello da Cultura Galega decidiu crear o Álbum da Ciencia, un espazo destinado a recoller as biografías dos principais protagonistas da valiosa obra da JAE en Galicia, científicos e outros pensadores.

O Album da Ciencia inicía agora unha nova etapa na que atenderá en exclusiva ao ámbito científico e ampliará substancialmente o tramo temporal analizado. Un ambicioso e novidoso proxecto que ten como punto de partida as 201 biografías elaboradas para o Diccionario histórico, textos que serán actualizados e reformulados. A iso debe engadirse a incorporación de novas entradas, correspondentes a outros autores, nomeadamente ós que desenvolveron o seu labor entre 1936 e 1970, e as relativas a institucións científicas salientables. O principal criterio que utilizamos para a selección de autores será a relevancia da obra no momento histórico que viviron e o seu vínculo con Galicia. Canto a edición o Álbum abordará en 2011 a revisión e actualización das biografías publicadas en 1993 e 2005. Nun segundo momento, 2012, terá lugar a incorporación das novas entradas.

O resultado final permitirá ofrecer aos usuarios un total dunhas 300 entradas online, unha parte substancial do I+D histórico do país, unha especie de panteón virtual da excelencia científica que proporcionará unha valiosa e actualizable información a públicos diversos.

Con  esta iniciativa o Consello da Cultura Galega contribúe ao fomento da cultura científica da sociedade por medio da difusión do labor desenvolto polos científicos-as máis sobranceiros da historia de Galicia. A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas.

Para a súa consulta pincha  AQUÍ.

FONTE: culturagalega.org

0 comentarios