O CEO DO MES: AGOSTO 2013
Perseidas / Imaxe: aavbae.net
Perseidas ou bágoas de San Lourenzo: Cada ano por estas datas o noso planeta cruza a órbita do cometa Swift-Tuttle, que ten un período de 130 anos e que pasou preto do Sol por última vez en 1992. Esta órbita está chea de partículas pequenas, como grans de area ou menores, que foron liberadas polo cometa nos seus pasos anteriores. Cando unha destas partículas, que formaron no seu día a cola do cometa, entra na atmosfera terrestre, a fricción quéntaa ata vaporizala a grande altura (uns 100 km). Durante uns segundos, a partícula brilla coma se fose unha estrela, e por iso este fenómeno recibe o nome popular de estrela fugaz. Non se trata polo tanto dunha estrela senón dunha partícula de po incandescente.
Lúa Nova: 6 de agosto.
Cuarto Crecente: 14 de agosto.
Lúa Chea: 21 de agosto.
Cuarto Minguante: 28 de agosto.
Chuvia de meteoros: Perseidas, actividade dende o 17 de xullo ao 24 de agosto, con máximo o 12 de agosto. É unha das máis espectaculares, acadando por momentos unha frecuencia de 400 meteoros por hora. Kappa-Cygnidas, actividade dende o 3 ao 25 de agosto, con máximo o 17 de agosto. Alfa-Aurígidas, actividade dende o 28 de agosto ao 5 de setembro, con máximo o 31 de agosto.
0 comentarios