OS CHINOS CHEGARON Á LÚA
Ilustración da sonda lunar china Chang E3 / Instituto de Enxeñaría Espacial de Pekín
China fixo realidade un sono albergado durante décadas: chegar á Lúa. O país asiático entrou no selecto club das potencias que alcanzaron o satélite terrestre e depositaron, de forma controlada, na súa superficie un vehículo de exploración, ao ter levado a cabo con éxito o descenso suave da sonda non tripulada Chang E3. Ata agora, só lográrano Estados Unidos e a antiga Unión Soviética.
Chang E3 foi lanzada o pasado 2 de decembro á 1.30 da mañá (18.30 en España) cun foguete Longa Marcha 3 B (o máis potente que ten China) dende o Centro de Lanzamento de Satélites de Xinchang, na provincia central Sichuan. Entrou en órbita lunar o 6 de decembro.
O contacto da sonda co chan lunar, en Sinus Iridum, produciuse ás 21.12 hora local (14.12 na España peninsular) de onte, no medio do orgullo de moitos cidadáns e do Goberno, que considera o programa espacial, de xestión militar, unha proba da capacidade tecnolóxica, o poderío económico e o alcance global de China, e, polo tanto, do éxito de Partido Comunista Chinés no desenvolvemento do país.
A Chang E3 levaba un vehículo rodante, chamado Yutu (Coello de xade), un robot que recorda aos rover que a NASA utiliza no chan de Marte e que xa se separou da sonda para empezar a rodar sobre o chan lunar.
O lugar de descenso da Chang E3 na Lúa, Sinus Iridium (Baía dos arcos iris), é unha chaira de orixe basáltica. Por ela desprázase xa Yutu, que pode viaxar a 200 metros por hora, subir pendentes de 30 graos e ten un rango de desprazamento de ao redor de 10 quilómetros. Está deseñado para funcionar tres meses en chan lunar e pode soportar as baixas temperaturas nocturnas grazas a un calefactor de radioisótopos. Este robot ten seis rodas e pesa uns 120 quilos. Leva cámaras de navegación e de visión para evitar obstáculos (unha panorámica e outra de ultravioleta para ver a Terra), un radar que sondará o subsolo lunar e un espectrómetro. Se todo vai segundo o previsto, o vehículo realizará inspeccións xeolóxicas e buscará recursos naturais. O módulo de descenso realizará estudos dende a súa posición fixa.
Os nomes da sonda de exploración e do vehículo robotizado proceden dun mito chinés sobre a deusa Chang’e e a súa mascota, Yutu, un coello branco que vive con ela na Lúa.
Este é o primeiro paso para enviar unha nave tripulada. Despois farase célebre a frase ”Hai un chino na Lúa!”, desprazando a xa famosa “Hai un galego na Lúa!”
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios