Blogia
vgomez

TIKTAALIK ROSEAE: UN HÍBRIDO ENTRE PEIXE E CROCODILO

TIKTAALIK ROSEAE: UN HÍBRIDO ENTRE PEIXE E CROCODILO

Reconstrución artística do aspecto do Tiktaalik roseae / NEIL SHUBIN

As extremidades dos animais vertebrados son un dos grandes fitos na historia da evolución. Cando e como xurdiron? O achado no norte de Canadá de máis restos fósiles dunha especie de transición entre os peixes e os primeiros animais vertebrados con patas achegou novos datos para este debate científico.

Segundo sostén un equipo de investigadores da Universidade de Chicago (EUA), as patas probablemente tiveron a súa orixe nas aletas traseiras dos peixes, que foron evolucionando e perfeccionándose ata facerse máis robustas. Unha proposta que rebate outras teorías previas que sosteñen que as grandes extremidades traseiras e articuladas comezaron a desenvolverse unha vez que xurdiron os primeiros animais vertebrados terrestres.

A descrición completa desta especie, que viviu hai uns 375 millóns de anos e foi bautizada como Tiktaalik roseae, publícase esta semana na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS)      . Foi en 2004 atoparon por primeira vez fósiles desta especie. Os restos foron desenterrados preto de Bird Fiord, ao sur da illa de Ellesmere, que pertence ao territorio de Nunavut e está situada ao nordés de Canadá.

Non obstante, a maior parte dos restos que encontraron entón pertencían á parte frontal do esqueleto dun individuo. Seguiron escavando ata que nas posteriores campañas de 2006, 2008 e 2013, no mesmo depósito, encontraron máis fósiles da pelve e as aletas traseiras doutros catro exemplares da mesma especie. O óso dunha pelve en bo estado de conservación, e parte dunha aleta traseira axudoulles a reconstruír o aspecto deste animal dun xeito bastante fiable.

Segundo aseguran, trátase da especie transicional entre peixes e tetrápodos terrestres (vertebrados con dous pares de extremidades) mellor coñecida ata agora.

Os científicos describen a Tiktaalik roseae como unha sorte de híbrido entre un peixe e un crocodilo. Tiña aletas lobuladas e unha cabeza ancha e plana, dotada de afiados dentes. Segundo os seus cálculos, un exemplar adulto podía medir máis de dous metros de lonxitude. Cren que era un peixe de auga doce e que cazaba as súas presas en augas profundas.

As articulacións das súas patas dianteiras tamén sorprenderon os investigadores, que cren que permitían a estes animais sosterse no chan. De feito, cren que é razoable supoñer que usaba as súas aletas para nadar pero tamén é posible que lle permitisen camiñar polo fondo do mar.

Os investigadores explican que os peixes pulmonados ou dipnoos que viven na actualidade, como o peixe pulmonado africano, teñen unha pelve parecida á desta especie fósil e, como mostraron en 2011, estes animais son capaces de camiñar polo fondo do mar.

FONTE: Teresa Guerrero / Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios