Blogia
vgomez

UN PAPEL SOBRE O QUE SE PODE ESCRIBIR UNHA E OUTRA VEZ

UN PAPEL SOBRE O QUE SE PODE ESCRIBIR UNHA E OUTRA VEZ

Pepel reescribible / Yin Lab, UC Riverside

Desenvolvido por primeira vez en China cara ao ano 150 dC, o papel é aínda un dos principais soportes da escritura. O 90% de toda a información nas empresas segue conservándose en papel, a pesar de que a maior parte se desbota despois dun só uso. As consecuencias desta práctica son claras: un gasto importante en papel (tamén en cartuchos e tinta), e unha serie de problemas ambientais como a deforestación e a contaminación química do aire, a auga e a terra. Pero, e se puidésemos escribir no mesmo papel tantas veces como quixeramos?

Químicos da Universidade de California Riverside, fabricaron no laboratorio un novo papel sobre o que se pode escribir unha e outra vez, que ten por base a propiedade de conmutación de cor duns produtos químicos comerciais chamados colorantes redox. A tinta forma a capa de obtención de imaxes do papel. A impresión conséguese mediante o uso de luz ultravioleta para fotoblanquear o colorante, agás as partes que constitúen o texto no papel. O novo papel reescribible pódese borrar e escribir máis de 20 veces sen perda significativa de contraste ou resolución.

O novo papel ten forma de película de cristal ou de plástico para que as letras e patróns poidan imprimirse en varias ocasións, conservarse durante días, e despois borrarse por simple quentamento.

O papel está dispoñible en tres cores primarias: azul, vermello e verde, producidos polo uso de tintas redox comerciais azul de metileno, vermello neutro e verde ácido, respectivamente. A tinguidura inclúe nanocristais de óxido de titanio (serven como catalizadores), entre outros compoñentes.

O proceso de borrado pode facerse en menos de 10 minutos cun quentamento de 115ºC, algo que non supón ningún problema, xa que nas impresoras láser convencionais o papel xa se quenta a 200ºC. “As letras imprimidas permanecen lexibles en alta resolución en condicións ambientais durante máis de tres días, o tempo suficiente para as aplicacións prácticas como a lectura dos xornais”. “Mellor aínda, o noso papel reescribible é sinxelo de facer, ten un baixo custo de produción, baixa toxicidade e baixo consumo de enerxía” manifestan os inventores.

No laboratorio seguen a traballar agora para aumentar o número de veces que o papel reescribible se pode imprimir e borrar, cun obxectivo de 100 veces, para reducir o custo total. Ademais, o equipo explora formas de estender a lexibilidade dos textos imprimidos ou imaxes durante máis de tres días para ampliar os seus usos potenciais, como a impresión multicolor.

FONTE: Xornal abc/ciencia

0 comentarios