Blogia
vgomez

HAI MÁIS AUGA EN GANÍMEDES QUE NA TERRA

HAI MÁIS AUGA EN GANÍMEDES QUE NA TERRA

Recreación artística da lúa Ganímedes, coas auroras detectadas, orbitando Xúpiter, ao fondo / NASA

Ganímedes é a maior lúa de Xúpiter e tamén do Sistema Solar; e segundo suxiren as observacións realizadas co telescopio espacial Hubble, alberga un grande océano subterráneo que contén máis auga líquida que a que hai na Terra. A conclusión foi presentada na semana pasada durante unha rolda de prensa da NASA na que participaron os principais científicos que levaron a cabo esta investigación, publicada no Journal of Geophysical Research: Space Physics.

Segundo os seus cálculos, esta gran masa de auga salgada tería uns 100 quilómetros de profundidade (aproximadamente dez veces máis que os océanos máis profundos da Terra) e atoparíase baixo unha codia de 150 quilómetros de espesor, composta na súa maior parte por xeo.

Descuberta por Galileo no ano 1610, a lúa xigante Ganímedes ten un tamaño comparable ao planeta Mercurio e conta cun campo magnético propio (é o único satélite do Sistema Solar que o ten) e unha fráxil atmosfera, moi distinta á da Terra, na cal o telescopio Hubble xa encontrara indicios de osíxeno.

O telescopio Hubble utilizou para observar en Ganímedes as auroras, un fenómeno vinculado ao campo magnético do satélite. Debido a que os telescopios non poden ver o que hai no interior dos planetas, os satélites ou calquera obxecto celeste, rastrexar o campo magnético a través das auroras permítelles de forma indirecta descubrir o que hai dentro. Ademais de ter un campo magnético propio, ao orbitar moi preto de Xúpiter, Ganímedes tamén se ve influída polo campo magnético dese planeta xigante.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios