Blogia
vgomez

O SEGREDO DO CRUSTÁCEO INVISIBLE


O segredo da impresionante desaparición do zafiro de mar

Coma se dun espectáculo de maxia se tratase, o zafiro de mar convértese nun auténtico prestidixitador, xa que o diminuto corpo deste crustáceo aparece con cores iridiscentes azul, morado ou verde, e ao segundo vólvese invisible.

Pero, como o consegue? Un equipo de científicos israelí do Instituto Weizmann de Ciencias e o Interuniversity Institute for Marine Sciences acaba de comprobar que a transparencia e o cambio de cor destas criaturas prodúcese cando as estruturas de cristal das súas costas varían en función do ángulo de reflexión.

Os investigadores resolveron o misterio ao analizar a composición da capa de cristal sobre as costas dos zafiros de mar macho, xa que son estes últimos os que presentan cores rechamantes e iridiscentes cores, mentres que as femias son transparentes.

Para lograr os resultados que se publican en Journal of the American Chemical Society, os científicos mediron en primeiro lugar a reflectancia (que determina a cor), e a continuación usaron unha técnica chamada crio-microscopia SEM para observar a organización dos cristais xunto ao material celular que os mantén.

Segundo os científicos, a cor débese á iridescencia, é dicir, é o resultado da luz reflectíndose en estruturas periódicas. Os reflectores de máis dunha capa (un tipo de estrutura coñecida como cristal fotónico) están compostos por finos e transparentes cristais de guanina (unha das cinco bases nitroxenadas que forman parte dos ácidos nucleicos encontrados no ADN).

"As placas de guanina dos zafiros de mar amontóanse en matrices periódicas incriblemente precisas", indican os científicos, intrigados polo proceso que dá a cada unha destas especies a súa cor única. A súa análise revela que o principal factor que determina se un animal será amarelo, azul ou morado é o espazo que hai entre esas placas, controlado por unha fina capa de material celular que as separa.

Así os expertos puideron demostrar que a complexa disposición das placas permite desaparecer a algúns zafiros de mar. Cando certas especies de macho xiran as súas costas cara á luz nun ángulo de 45 graos, á vez que realizan unha manobra de natación en espiral, a lonxitude de onda da luz reflectida sae do rango de luz visible e pasa ao ultravioleta invisible. A luz que chega directamente devolve a cor azul.

A distancia entre as placas é a que determina a lonxitude de onda da luz e polo tanto a cor do organismo. "Canto máis preto estean as placas, máis corta é a lonxitude de onda, é dicir máis azul é a luz que se reflicte dende elas", din os autores.

Segundo os autores do achado, a estratexia dos zafiros de mar ao manipular a luz podería usarse no deseño de estruturas artificiais de cristal fotónico (estruturas a nanoescala que poden manipular o fluxo de fotóns). Entre os posibles usos están os espellos e as pantallas ópticas, e as cubertas reflectantes cambiables.

Os zafiros de mar (do xénero Sapphirina) son copépodos, grupo de crustáceos maxilópodos de pequeno tamaño moi estendidos por todo o planeta, que viven en auga doce ou salgada. Estes animais son apenas visibles para o ollo humano, e miden entre ao redor dun a varios milímetros de lonxitude.

FONTE: Xornal  El Mundo/Ciencia

0 comentarios