Blogia
vgomez

25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 

Enténdese por violencia de xénero calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada. (Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

O concepto "violencia de xénero" dá nome a un problema, que ata hai pouco, formaba parte da vida privada das persoas; era considerado un asunto de familia que non debía transcender de portas para fóra e, polo tanto, no que non se debía intervir. Entender a violencia como un asunto privado reforza ás mulleres a unha situación de subordinación respecto do home e implica asumir as relacións de poder historicamente desiguais entre ambos e a través das cales se lexitima ao home a manter o seu status-quo da dominación incluso a través da violencia. Esta percepción contribúe a que as mulleres non denuncien a súa situación por medo, vergoña ou culpabilidade.

A discriminación das mulleres e a violencia de xénero (como a manifestación máis brutal das desigualdades entre homes e mulleres) é un problema que traspasa fronteiras e que está presente na maior parte dos países do mundo coa particularidade de que as vivencias do maltrato son enormemente parecidas en todos os lugares e culturas.

Debe lembrarse que a violencia é unha estratexia de relación aprendida, non é innata. Se isto fose así, todas as persoas serían violentas ou todas as persoas exercerían a violencia da mesma maneira e no mesmo grao; sen embargo, non sempre a empregamos nas nosas relacións: falamos, negociamos, pactamos, tratamos de comprender o punto de vista da outra persoa e finalmente chegamos a un acordo, aínda que non obteñamos o que en principio queríamos.

Os maltratadores son selectivos no exercicio da violencia, o que demostra que son capaces de controlarse en calquera outra situación.

A mellor forma de combatila é por un lado a denuncia e por outro a educación en igualdade. Os dos vídeo que tes na parte superior seguen esa cronoloxía.

Está nas nosas mans!

0 comentarios