OS DETECTORES SÍSMICOS DOS SAPOS
Sapo corredor (Bufo calamita) / Imaxe:blog.educastur.es
Un equipo de investigadores descubriu a utilidade dos detectores sísmicos que teñen os sapos e ras nunha parte do oído interno. Ata agora coñecíase a existencia destes órganos, pero non así o seu valor adaptativo, é dicir, para que o usan estes animais, por que o conservan e a súa utilidade para a supervivencia ou a reprodución. Os investigadores fixeron un experimento nas dunas de area do Parque Natural de Doñana con dúas especies de anfibios distintas, sapos de espuelas (Pelobates cultripes) e sapos corredores (Bufo calamita). O equipo comprobou que ambas as especies utilizan a súa capacidade sísmica para saber cando chove fóra dos seus agochos baixo terra, onde permanecen durante o día e nas épocas de seca, e poder saír á superficie para alimentarse. Os resultados deste estudo foron publicados na revista Current Biology.
O oído interno do sapo conta con tres partes fundamentais. A primeira delas é a que percibe as frecuencias dos sons, é dicir, as vibracións do aire. Pero o oído interno desta anfibios conta con outras dúas partes dotadas de células sensoriais que perciben frecuencias moi baixas, como as vibracións do substrato ou chan, cuxa utilidade se descoñecía. Para facer o experimento, o equipo desprazouse unha primeira vez a Doñana en época de choivas para gravar o son e poder reproducir as vibracións que emite a auga de forma artificial.
Un ano despois, en 2013, os científicos volveron a Doñana para instalar unha serie de cercados que deseñaran previamente. Despois, o equipo capturou e introduciu nos cercados a 64 exemplares en total, de forma que os anfibios estivesen nas súas condicións naturais, pero localizados e controlados. "Non os trasladamos, só necesitabamos saber onde estaban, cantos eran e que non se escapasen", conta Rafael Márquez, autor principal do estudo, que leva traballando con anfibios desde 1987. "Hai que facelo todo no outono, despois da estivación. Na natureza, os sapos e ras pasan todo o verán enterrados, ata máis de medio metro de profundidade, e cando chegan as primeiras choivas é cando saen a comer, fórmanse as charcas e empezan a reproducirse. Nesa época están activos de noite e enterrados de día", conta Márquez.
O equipo organizou os cercados de forma que houbese dous grupos separados e diferenciados para realizar o experimento. Este consistiu en expoñer a un dos dous grupos ás vibracións artificiais xeradas a 10 centímetros de profundidade durante un prazo de dúas horas nunha noite sen choiva natural. Nese tempo saíu a maioría dos exemplares, tanto os do grupo experimental como os de control. Pero as ras do grupo experimental saíron ao redor de 26 minutos antes que as que non recibiron ningún estímulo. O equipo repetiu o experimento a seguinte noite sen choiva pero intercambiando os grupos e os resultados foron similares. "Iso demóstranos que os sapos percibiron as vibracións, que as interpretaron como choiva e que utilizaron esa capacidade sísmica que teñen no seu oído", sinala Márquez. Tras medilos e pesalos, todos os sapos foron liberados despois do experimento sen saír nunca do seu hábitat.
Ata agora, considerouse a estes anfibios exclusivamente acústicos. Unha explicación alternativa a por que saían da terra cando estaba a chover era porque se desen conta de que chovía coas filtracións de auga. "Pero baixo terra eles xa están nunha zona da area que está mollada e saturada de auga. É moito máis eficiente para eles usar as vibracións para saber cando chove fóra e poder saír", conta Márquez. O científico asegura que o seu estudo abre novas vías de investigación, como a medición do impacto que teñen as vibracións do chan xeradas polas actividades humanas nestes animais.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios