Blogia
vgomez

O CUSTE DE IGNORAR O CAMBIO CLIMÁTICO

Estamos facendo o suficiente? / Imaxe: themuslimvibe.com

Non actuar contra o cambio climático ten un custo elevado, tanto para a saúde como para a economía mundial. Así o reflicte un estudo publicado na revista The Lancet Planetary Health que demostra como o investimento necesario para implementar o Acordo de París sería amplamente rendibilizada polos aforros nos sistemas sanitarios globais. As estimacións indican que a redución de gasto que se lograría mitigando o quecemento global e a contaminación atmosférica (e con ela os falecementos por enfermidades respiratorias) podería ser ata 2,5 veces superior ao custo requirido.

O compromiso alcanzado en París en 2015 estableceu os obxectivos para limitar o quecemento do planeta "moi por baixo" de 2° C respecto de niveis preindustriales e, se é posible, non superior a 1,5° C. Neste estudo, os autores combinan unha serie de modelos estimando niveis de emisión, mortes relacionadas coa contaminación atmosférica e os seus respectivos gastos, comparados cos custos de mitigación necesarios para frear o cambio climático. Os investigadores traballaron con tres escenarios diferentes: os dous expostos en París (aumentos de 1,5° C e 2° C) e un terceiro que manteña as políticas actuais.

En conxunto, os custos da aplicación do acordo sobre o clima oscilarían entre un 0,5 e un 1% do PIB mundial para alcanzar o obxectivo de 2° C e de entre un 1 e un 1,3% para o de 1,5° C. De alcanzarse as metas fixadas, entre 2020 e 2050, estímase que se lograría un formidable descenso de falecementos relacionados coa contaminación: entre un 21 e un 27% menos co primeiro (o que equivale a entre 101 e 93 millóns de mortes) e entre un 28 e un 32% se se cumpre o segundo (entre 92 e 87 millóns). 

"Esperamos que os grandes beneficios para a saúde que estimamos nestes escenarios diferentes poidan axudar aos responsables políticos a avanzar cara á adopción de políticas e medidas climáticas máis ambiciosas para reducir a contaminación atmosférica", afirma o autor principal do artigo, "e a considerar como se debe compartir a carga de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e as enfermidades relacionadas coa contaminación atmosférica".

O traballo contradi con datos os argumentos esgrimidos en contra do Acordo de París polo presidente estadounidense Donald Trump, ao anunciar que sacaría ao país deste compromiso. Os autores sinalan que as políticas en contra do cambio climático e o control da contaminación baséanse en cálculos " miopes e unilaterais" que consideran só os custos "tanxibles, concretos e relativamente fáciles de contar".

A mala calidade do aire é a principal causa ambiental de morte prematura en todo o mundo, responsable de ao redor de sete millóns de vítimas ao ano. A finais do ano pasado, outro informe realizado por unha comisión de expertos de "Lancet" sobre contaminación e saúde sinalaba que o quecemento global causado polo home "ameaza con socavar os últimos 50 anos de avances en saúde pública" e reclamaba un enfoque integral como "gran oportunidade de saúde do século XXI". 

Aínda que o aforro sanitario estimado contribuiría en Europa a amortizar os custos de mitigación, a diferenza de India e China non cubriría totalmente o investimento. Con todo, os autores sinalan que estes aforros en saúde son un dos moitos beneficios da redución do cambio climático. Outros factores adicionais atópanse o aumento dos fenómenos meteorolóxicos extremos, as perturbacións na agricultura e a emigración masiva, citados nas diferentes proxeccións climáticas que os sinalan como efectos secundarios do quecemento global.

FONTE: Amado Herrero/Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios