O MOTIVO POLO QUE OS PAXAROS NON TEÑEN DENTES DE DINOSAUROS
Os animais do xénero «Oviraptosaurus» / Universidad de Nagoya, Xapón
A explicación tradicional é que as aves, un subgrupo de dinosauros, non teñen dentes porque estes supoñen peso extra que dificulta o voo. Con todo, unha recente investigación preguntouse, se este é o caso, por que había dinosauros non voadores, que comían carne e que tamén tiñan pico sen dentes. A súa conclusión, recentemente publicada en "Biology Letters", é que a desaparición dos dentes ocorreu porque isto permitiu diminuír o tempo de desenvolvemento dos embrións dentro dos ovos. De momento, trátase só dunha hipótese.
"Suxerimos que a selección (evolutiva) para a perda de dentes (en aves) foi un efecto colateral dunha selección en favor dun crecemento rápido dos embrións e, por tanto, de incubacións máis curtas", escriben no estudo os investigadores da Universidade de Bonn.
Segundo a teoría da evolución, a selección natural é un proceso que ocorre de forma espontánea por un motivo moi sinxelo: os individuos que teñen certos trazos que lles permiten aumentar o número de descendentes, reprodúcense máis que os que non. Por tanto, pasado un tempo ese trazo vantaxoso vaise estendendo nas poboacións: dise entón que foi fixado pola selección natural.
Neste caso, os autores sosteñen que nun determinado momento e lugar da historia da vida os dinosauros que tiñan incubacións máis breves podían deixar máis descendentes.
A incubación e o desenvolvemento embrionario é un punto crítico. Por exemplo, o cerebro humano require que os bebés necesiten un tempo considerable de xestación e que, ademais nazan moi inmaturos e deban recibir coidados. Pero a cambio deste esforzo, máis adiante gozan dun cerebro fabuloso.
Entre as aves e os dinosauros tamén ocorren cousas deste tipo. Unha xestación máis curta pode ter vantaxes, pero unha máis longa ten outras. Por iso, os ovos de aves só necesitan días ou semanas para desenvolverse, mentres que os dos outros dinosauros requirían bastantes meses.
Neste caso, os investigadores suxeriron que a diferenza entre ambas podía estar no crecemento dos dentes. De feito, calcularon que o desenvolvemento dos dentes consumía o 60 por cento do tempo de incubación dos ovos dalgúns dinosauros.
Isto é moi importante porque, en certas circunstancias, os embrións son máis vulnerables aos depredadores e a desastres naturais cando están dentro dos ovos, cousa que, por certo, non lle afectaría aos mamíferos, que levan ao lombo aos fetos das súas crías.
As conclusións dos investigadores son resultado dun estudo publicado hai un ano no que se informaba de que os ovos de dinosauros non voadores requirían moito máis tempo do que se pensaba para madurar: entre tres e seis meses, máis ou menos ao nivel dos réptiles actuais.
En concreto, observouse que os dinosauros do xénero Oviraptosaurus, que viviron no Mesozoico, non voaban, comían carne e tiñan ovos de desenvolvemento moi lento. O motivo? Segundo os investigadores, o crecemento dos seus dentes.
A investigación en que se basearon examinou as liñas de crecemento das pezas dentais, similares aos aneis de crecemento das árbores, en dous dentes fosilizados de dous embrións de Oviraptosaurus. Unha especie que, por certo, foi perdendo progresivamente as súas pezas dentais.
Por iso, os investigadores cren que unha incubación rápida entre os primeiros paxaros e nalgúns dinosauros resultaría vantaxosa. Isto explicaría por que desapareceron os dentes en moitos grupos de dinosauros non aviarios.
Os autores recoñeceron que estas regras non se cumpren nas tartarugas, uns réptiles sen dentes onde o período de incubación é inusualmente longo. Hai outros motivos para explicar esta lenta velocidade? Tamén confirmaron que a súa hipótese carece de experimentos para apoiala. Con todo, cren que futuros estudos de regulación de xenes para o desenvolvemento de dentes en embrións permitirían comprobar que existe un compromiso entre tempo de incubación e desenvolvemento dos dentes.
FONTE: abc.es/ciencia
0 comentarios