MIGRACIÓNS DOS PEIXES POLO CAMBIO CLIMÁTICO
Centenares de especies mariñas están a escapar do cambio climático. Con datos que arrincan en 1960, un estudo mostra que moitos peixes están a desprazar o seu hábitat cada vez máis ao norte. A procura de augas máis frías fará que algúns se moveron de sitio máis de 1.000 quilómetros a finais de século. Os impactos ecolóxicos ou no sector pesqueiro desta gran migración aínda non están claros.
O aumento das temperaturas asociado ao quecemento global está a provocar o adianto das primaveras e a recolocación de moitas especies, tamén vexetais, en rexións a maior altitude ou latitude, buscando a temperatura ás que están máis habituadas. O fenómeno, moi estudado na vida terrestre, tamén estaría a suceder nos océanos, segundo un estudo recentemente publicado.
A investigación, publicada na revista científica PLoS ONE, apóiase en datos de case 700 especies de peixes, crustáceos, cefalópodos moluscos e outros invertebrados distribuídos pola plataforma continental e augas próximas de EE UU, México e Canadá. Desde polo menos 1963, viñéronse realizando mostraxes con 136.000 pequenas redes de arrastre para tomar unha instantánea da riqueza mariña desa campaña.
Sobre eses datos históricos, os investigadores proxectaron a evolución da presenza das distintas especies a finais de século. E fixérono usando ata 16 modelos climáticos diferentes e con dous escenarios finais: o benigno, cun aumento da temperatura media global duns 2º, e o máis temido, con máis de 4º de incremento. En cada escenario, modelaron as temperaturas máxima, mínima e media da superficie da auga e no fondo. Buscaban saber o aumento ou redución do hábitat térmico para cada especie.
"Os datos históricos mostran que moitas especies compensou o incremento da temperatura oceánica índose a augas máis profundas", di o ecólogo do Instituto de Ciencias Mariñas da Universidade de Carolina do Norte (EE UU) e principal autor do estudo. O que viron é que, ademais, a maioría está a desprazar o seu hábitat a outras latitudes. "En particular, as especies de rexións como o nordeste de EE UU, onde a temperatura aumentou moi rapidamente, están a se mover cara ao norte. Mentres, noutras zonas, como o golfo de México, desprazáronse a augas máis profundas", engade.
Estas tendencias continuarán ao longo deste século. En concreto, das 383 especies atlánticas e as 303 do Pacífico rastrexadas, todos os modelos usados para imaxinar o futuro son unánimes respecto de 446 das especies estudadas: todas se moverán do seu sitio habitual. En canto ao resto, aínda que non hai unanimidade, a maioría dos ensaios indican tamén un desprazamento. As distancias varían moito segundo a zona, a especie e o escenario climático. Algúns peixes moverán a súa distribución unhas poucas decenas de quilómetros, en especial no escenario máis benigno. Pero outras, en especial nas costas canadense e estadounidense do Pacífico, "moveranse ata 900 millas ao norte dos seus actuais hábitats", comenta o profesor de ecoloxía, evolución e recursos naturais de Rutgers e coautor do estudo.
Peixes como o xurelo do Pacífico e o rocote canario desprazaranse máis de 1.300 quilómetros, desde o norte de Canadá ata o estreito de Bering. Outros especímenes propios de augas máis cálidas, como o pargo gris ou mulato, verán ampliado o seu rango grazas ao aumento das temperaturas. E outros, como a quenlla tollo, as augas que gañarán ao norte perderanas (por demasiado cálidas) ao sur. Entre as especies que deberán buscar augas máis frías hai algunhas vitais para a industria pesqueira como o xa mencionado xurelo, a xarda, o cangrexo real e o bacallau atlántico.
Se se logra manter o aumento da temperatura por baixo dos 2º, a maior parte das especies non se irán moi lonxe. Pero, como di o autor do estudo, "nun futuro de altas emisións de CO2 podemos anticipar que moitas das especies con relevancia económica trasladaranse a outras rexións e reducirán a súa presenza nas súas zonas históricas".
FONTE: M.Angel Criado/elpais.es
0 comentarios