CÓDIGO MORSE: 175 ANOS
Morse e o seu código / Imaxe: plumaslibres.com.mx
Hai uns días, en concreto o pasado 24 de maio, cumprísronse os 175 anos da primeira mensaxe no código Morse de puntos e raias enviado a longa distancia viaxou desde Washington ata Baltimore o venres 24 de maio de 1844. Foi a primeira vez na historia da humanidade en que se lograba comunicar pensamentos complexos entre lugares afastados entre si de maneira case instantánea. Ata entón había que conversar cara a cara, enviar mensaxes codificadas mediante tambores, sinais de fume e sistemas de telégrafos ópticos, ou ler palabras impresas.
Grazas a Samuel Morse (1791-1872), a comunicación cambiou rapidamente, e dende entón seguiu cambiando cada vez máis rápido. Morse inventou o telégrafo eléctrico en 1832. Logo tardou outros seis anos en normalizar un código para poder comunicarse a través dos cables telegráficos. En 1843, o Congreso de Estados Unidos concedeulle 30.000 dólares para que tendese un cableado entre a capital do país e a veciña Baltimore. Cando a liña estivo acabada, o inventor fixo unha demostración pública da comunicación a longa distancia.
Morse non foi o único que traballou para desenvolver unha maneira de comunicarse a través do telégrafo, pero a súa é a única que sobreviviu. Os cables, os imáns e as claves utilizados na demostración inicial deixaron paso ás pantallas táctiles dos teléfonos móbiles, pero o código Morse mantívose esencialmente igual, e no século XXI, quizá para sorpresa dalgúns, conserva a súa relevancia.
O sistema de comunicacións para o que foi deseñado o código Morse (conexións analóxicas por cables metálicos que transmitían moitas interferencias e necesitaban un sinal de tipo aceso/apagado moi clara para ser oídas) evolucionou de maneira significativa.
O primeiro gran cambio produciuse poucas décadas despois da demostración de Morse. A finais do século XIX, Guillermo Marconi inventou o radiotelégrafo, que permitía enviar o código do seu predecesor a través de ondas de radio no canto de cables.
Ao sector do transporte marítimo entusiasmoulle esta nova maneira de comunicarse cos barcos que estaban no mar, xa fose de barco a barco ou coas estacións costeiras. En 1910, a lexislación de Estados Unidos esixiu a moitos barcos de pasaxeiros que navegaban por augas do país que levasen equipos inalámbricos para mandar e recibir mensaxes.
Os aviadores tamén utilizan o código Morse para identificar as asistencias á navegación automatizadas. Trátase de radiobalizas que axudan aos pilotos para seguir os roteiros e a pasar dun transmisor ao seguinte marcado sobre as cartas de navegación aeronáutica. Estas balizas envían os seus identificadores en código Morse. Os pilotos adoitan aprender a recoñecer os patróns recorrentes dos transmisores situados en zonas que sobrevoan con frecuencia.
Así mesmo, existe unha florecente comunidade de radioaficionados que tamén concede un gran valor ao código Morse. Entre os seus membros, o código representa unha prezada tradición cuxo orixe se remonta aos primeiros días da radio.
En situacións de emerxencia pode ser a única maneira de comunicarse, polo que merece a pena coñecelo e practicalo. Anímaste? Pois, se é o caso, preme AQUÍ.
FONTE: Eddie King/elpaís.com/
0 comentarios