Blogia
vgomez

VOLOCOPTER

 

Cando se fala de taxis voadores, é difícil non lembrar a Bruce Willis na desaforada fantasía colorista do Quinto Elemento. Película icónica da ciencia ficción da súa época, exemplo dun cinema (o dos noventa) que desapareceu para sempre coa chegada dos efectos dixitais, a obra de Luc Besson resulta excesiva,  abigarrada e  simplista no seu discurso. E, a pesar diso, todos os que viron aquelas imaxes no cinema soñaron algunha vez con subirse nun deses taxis voadores.

Aínda que eran moitos os que soñaban con iso, a lóxica fixo que non nos lanzásemos a converter o espazo aéreo das nosas cidades nun inferno de atascos similar ao que tentamos combater no chan. Así que os taxis voadores non se converteron na realidade que os amantes da ciencia ficción esperaban… ata agora. Porque a firma alemá Volocopter está a un paso de conseguir que vehículos eléctricos similares aos drons aos que xa nos habituamos, pero dun tamaño moito maior, comecen a sobrevoar varias cidades do planeta. O que sobra neste plan é precisamente o papel que interpretaba Bruce  Willis, porque estes superdrones están pensados para funcionar sen pilotos. De momento, as probas que realizaron en Dubai foron un éxito converténdoo no primeiro taxi aéreo sen condutor da historia da aviación. Segundo Alexander Zosel, cofundador da compañía, o que falta neste momento non é a tecnoloxía, senón a certificación para que os seus vehículos poidan voar. Un detalle que, xunto a varias infraestruturas, podería estar resoltos en dous ou tres anos.

Os impulsores de Volocopter están convencidos de que a súa proposta pode cambiar de forma radical a forma en que aínda nos movemos nas cidades. Os seus drons, eléctricos e silenciosos, son unha aposta funcional e sustentable que, aseguran desde a marca alemá, resultan ademais moi seguros. Aínda que a idea final é que o Volocopter sexa un vehículo autónomo, nas súas primeiras versións aínda requiren dun piloto. Iso si, manexalos é tan sinxelo que se fai a través dun simple joystick, posto que a maior parte das operacións non as realiza o condutor senón o computador do vehículo. Zosel, que foi o primeiro en pilotar un Volocopter, cre con todo que o futuro está nos vehículos sen condutor: “a maioría dos fallos na aviación teñen a súa orixe no piloto. Así que se sacas ao piloto da fórmula tes un sistema máis seguro”. Poida que isto envíe ao paro a Willis, pero sempre quedará o seu traballo como heroe (porque eses, seguro, seguirán sendo necesarios).

FONTE: José L. Álvarez Cedena/elpais.com

0 comentarios