Blogia
vgomez

CANDO A TERRA ERA UNHA BOLA DE NEVE

A nai de todas as glaciacións / Universidade de Barcelona/lavoz.es

Hoxe estase producindo un quecemento global. Un serio problema que non supón ningunha ameaza para a Terra senón para os seres vivos. O mundo superará facilmente calquera cambio climático, tal e como fixo no pasado. Desde que se formou hai 4.500 millóns de anos atravesou períodos moito máis hostís que o actual. Houbo incluso unha época na que se converteu nunha bóla de neve, unha teoría que acaba de ser apoia por unha recente investigación baseada en novas evidencias achadas en rochas sedimentarias.

Durante unha glaciación prodúcese un notable descenso da temperatura media. A capa de xeo esténdese e acada moitas rexións, mesmo de latitudes medias. Hai 600 millóns de anos tivo lugar a nai de todas as glaciacións. Os casquetes polares foron avanzando desde o norte e o sur ata alcanzar o Ecuador. Crese que a temperatura na chamada etapa Crioxénica descendeu ata os vinte graos baixo cero.

As causas dese drástico cambio climático, como o de hoxe, foron unha serie de variacións na atmosfera. Por entón había unha concentración máis elevada de dióxido de carbono e metano, pero empezaron a descender os niveis destes gases de efecto invernadoiro e o clima comezou a arrefriarse de forma intensa.

A acumulación do xeo produciu á súa vez un efecto de retroalimentación polo albedo, xa que a neve rebota toda a radiación solar. Desta forma o branco non tardaría en cubrir o planeta enteiro prexudicando gravemente aos seres vivos. Naqueles anos eran todos mariños e unicelulares. Cando o océano comezou a conxelarse tiveron moitas dificultades para sobrevivir. A inmensa maioría dos organismos extinguíronse pero a vida atopou un refuxio nas profundidades, nas fumarolas ou chemineas hidrotermais. Aquí afloran os materiais terrestres desde o interior do planeta. Son unha especie de volcáns mariños que achegan gases, minerais e sobre todo altas temperaturas. O sorprendente é que co tempo, foron aparecendo unha serie de organismos novos e pluricelularais. É dicir, a vida non só resistira senón que evolucionou.

Os científicos que estudaron este evento climático do pasado aseguran que a Terra saíu adiante grazas á actividade volcánica, que inxectou dióxido de carbono na atmosfera e desta forma volveu poñerse en marcha o efecto invernadoiro que produciu un quecemento que contrarrestou o arrefriado global. Os diminutos seres vivos que sobreviviron e naceron durante a bóla de neve son os devanceiros máis afastados. A vida que hai na Terra, incluída a especie humana, é filla do xeo.

FONTE: Xavier Fonseca/lavoz.es

0 comentarios