A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO XVI
Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.
16. España: A catedral de Santiago de compostela
A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación. Segundo a tradición, o Apóstolo Santiago o Maior difundiu o cristianismo na península ibérica. No ano 44 foi decapitado en Xerusalén e os seus restos foron trasladados posteriormente a Galicia nunha barca de pedra. Por mor das persecucións romanas dos cristiáns de Hispania, a súa tumba foi abandonada no século III. Sempre segundo a lenda, esta tumba foi descuberta en torno ao ano 814 polo ermitán Pelayo (Pelagius) despois de ver unhas luces estrañas no ceo nocturno. O bispo Teodomiro de Iria recoñeceu este feito como un milagre e informou o rei Alfonso II de Asturias; o rei ordenou a construción dunha capela no lugar. Di a lenda que o rei se converteu no primeiro peregrino neste santuario. Esta capela foi seguida por unha primeira igrexa o ano 829 e posteriormente por unha igrexa prerrománica o 899, construída por orde do rei Alfonso III, converténdose gradualmente nun importante lugar de peregrinaxe. O ano 997 esta igrexa primitiva foi reducida a cinzas por Almanzor, comandante do exército do califa de Córdoba. As portas e as campás da igrexa, portadas aos ombreiros por cativos cristiáns ata Córdoba, engadíronse á mesquita alxama. Cando Córdoba foi tomada polo rei Fernando III de Castela en 1236, estas mesmas portas e campás foron transportadas por prisioneiros musulmáns a Toledo, e incluíronse na Catedral de Santa María de Toledo. A construción da actual catedral iniciouse en 1075 baixo o reinado de Alfonso VI e o patrocinio do bispo Diego Peláez. Foi construída segundo o mesmo plano que a igrexa de ladrillo monástica de San Sernín de Toulouse, probablemente o maior edificio románico de Francia. O templo foi construído fundamentalmente en granito. A construción detívose en distintas ocasións e, segundo o Liber Sancti Iacobi, a última pedra foi colocada en 1122 e a catedral foi consagrada en 1128. Segundo o Codex Calixtinus, os arquitectos foron «Bernardo o vello, un mestre marabilloso», o seu axudante Galperinus Robertus e, máis tarde, posiblemente «Esteban, mestre de catedrais». Na última etapa «Bernardo, o mozo» (que posiblemente era fillo de Esteban) terminaba o edificio, mentres que Galperinus estivo a cargo da coordinación. Tamén construíu unha fonte monumental diante da portada setentrional en 1122. A última etapa de construción comeza en 1168 cando o capítulo encarga ao mestre Mateo a realización da cripta e o Pórtico da Gloria, e a catedral é definitivamente consagrada en abril de 1211, na mañá do xoves da segunda semana de Pascua, polo arcebispo Pedro Muñiz, en presenza do rei Alfonso IX e o seu fillo, ademais de numerosas autoridades eclesiásticas e civís.
As moedas de 1, 2 e 5 céntimos do noso país, recollen a imaxe da catedral compostelana.
Mañá outra moeda, tamén do noso país e máis coñecementos!
FONTE: Idea orixinal de Clara González Freyre/Verne/elpais.com e gl.wikipedia.org
0 comentarios