Blogia
vgomez

NA PROCURA DA FELICIDADE


O curso “Psicoloxía e boa vida” da profesora Laurie Santos na Universidade de Yale esperaba matricular a 250 alumnos, pero converteuse nun fenómeno de masas onde se inscribiron 1.200 estudantes. Despois ofreceu online o seu curso “A ciencia do benestar” e fíxose viral en todo o mundo. Por que? Porque o ser humano leva milenios buscando a felicidade, sen éxito. “Algo que nos ensina a ciencia é que, aínda que todos buscamos a felicidade, non adoitamos facelo ben. Temos ideas preconcibidas sobre as cousas que poden facernos felices, pero a miúdo equivocámonos. Creo que aí pode axudarnos a ciencia, porque o que nos suxire é que hai cousas moi simples que podemos facer para mellorar o noso benestar, como imitar os cinco comportamentos das persoas felices:  socializar, ser altruístas, mostrar gratitude polo que temos, practicar hábitos saudables e meditar”, sinala a investigadora.

A psicóloga Laurie Santos é directora do Laboratorio de Cognición Comparativa de Yale e do Laboratorio de Cognición Canina de Yale, onde participa en estudos científicos sobre benestar emocional, psicoloxía positiva e comportamento. Afirma que “a cultura do eu” non nos fixo máis felices, senón que nos afastou dese obxectivo. Compararnos cos demais, non ser obxectivos ao valorar o que temos e perder valores tradicionais que si tiñan os nosos antecesores fainos máis infelices que eles. Con todo, non todo está perdido. “Recoñecendo que vivimos ben e que necesitamos unicamente cambiar actitudes, podemos obter esa felicidade e esa resiliencia necesarias para resolver os nosos problemas. Unha receita universal para atopar a felicidade resumiríase en tomar tempo para pensar nos demais e no aquí e o agora, engadir un pouco de exercicio e horas de soño”, conclúe a experta.

0 comentarios