JOHN SNOW
Londres era o centro do mundo cara ao ano 1850, pero tamén nun pozo de sucidade e enfermidades. Superpoboada e sen un sistema de rede de sumidoiros completa, en zonas que hoxe son céntricas e exclusivas a xente arroxaba os seus refugallos á rúa ou ao río Támesis. Os continuos brotes de cólera arrasaban ademais á poboación londiniense ata que John Snow logrou atopar a conexión entre eses dous feitos, aínda que para iso tivo que xogarse o seu prestixio como eminente médico da Inglaterra victoriana. O seu gran éxito axudou a derrubar as teorías científicas da época sobre as infeccións e marcou o nacemento da epidemioloxía moderna.
El mesmo padecera na súa infancia esas condicións sanitarias tan precarias das cidades que medraban rapidamente ao ritmo da Revolución Industrial. Fillo dun obreiro que traballaba nunha carboeira, John Snow (15 marzo 1813 – 16 xuño 1858) naceu nun dos barrios máis pobres da cidade de York e foi o primeiro de nove irmáns. De neno destacou polas súas habilidades matemáticas e en 1827, aos 14 anos, converteuse en aprendiz dun cirurxián e boticario de Newcastle. Compaxinou ese posto cos estudos nunha escola médica recentemente creada; e foi entón cando tivo o seu primeiro contacto co cólera, durante a segunda pandemia desa enfermidade, que chegou a Europa procedente de Asia. Snow comezou a investigar eses brotes epidémicos, colaborando co cirurxián Thomas M. Greenhow.
Retrato de John Snow cara a 1856 / Wikimedia Commons
Tras unha década de aprendizaxe e experiencia médica, en 1836 John Snow trasladouse a Londres para estudar medicina por fin na universidade. Ao ano seguinte comezou a realizar prácticas no hospital de Westminster, onde destacou polo seu sentido da observación: durante os seus gardas nocturnas deseñou uns experimentos para estudar a orixe das enfermidades que tanto afectaban os estudantes que realizaban autopsias no hospital. Así descubriu que a causa común era unha intoxicación cos vapores de arsénico que se usaban para conservar cadáveres. Aquilo cambiou a práctica das diseccións anatómicas e puxo fin ao uso de arsénico na fabricación de velas.
En 1844 puido finalmente completar os seus estudos, engadir o título de doutor ao seu nome e abrir unha consulta no hoxe vibrante barrio londiniense do Soho. O doutor Snow foi gañando prestixio grazas á aplicación da experimentos científicos para demostrar a validez das súas innovacións médicas, especialmente no relacionado coa anestesia. Esta nova técnica para evitar a dor en operacións e partos era aínda moi insegura, debido á falta de coñecemento preciso das propiedades das substancias usadas como anestésicos. Snow foi un dos primeiros en saber calcular as doses adecuadas de clofoformo e éter; ademais deseñou dispositivos e máscaras para aplicalos con seguridade aos pacientes e escribiu unha guía médica para o seu uso. O seu prestixio era tal que foi o elixido para administrar en persoa cloroformo á raiña Vitoria durante os partos do seu penúltimo fillo, Leopoldo, en 1853. Aquel acontecemento contribuíu á aceptación pública da anestesia.
Con todo, John Snow é hoxe lembrado por outro logro, co que puxo entón en risco a súa reputación como médico, cando estaba na cima da súa carreira. Durante os seus longos anos de aprendiz e estudante, inculcáranlle a teoría dos miasmas: uns “malos aires” que causaban enfermidades infecciosas como o cólera ou a peste bubónica, segundo o consenso dos sabios da época. Pero a Snow había algo que non lle encaixaba. Pensou que se o cólera estivese provocado por emanacións nocivas, os pacientes presentarían algún tipo de síntoma respiratorio, cousa que non sucedía. Ademais, durante os brotes de 1849 realizou un estudo dos casos e descubriu que a incidencia e a taxa de mortalidade eran moi superiores no sur de Londres, onde as augas do Támesis estaban moito máis contaminadas que as que bebían os habitantes do resto da capital británica. No seu artigo Sobre o modo de transmisión do cólera chegou á conclusión de que a causa era unha “materia mórbida” invisible ao ollo humano, que os pacientes inxerían e que lles provocaba unha severa diarrea.
Aquela hipótese, que hoxe é de puro sentido común, supuxo entón un desafío ao saber establecido. E como aínda non se impuxo a teoría de que os microbios causan as infeccións, Snow non podía explicar que era aquela materia invisible e infecciosa —como tampouco puido explicar o austríaco Ignaz Semmelweis por que os médicos tiñan que lavarse as mans para evitar contaxiar eles mesmos as enfermidades entre uns pacientes e outros.
Sen poder recorrer ás súas demostracións experimentais, a ocasión para actuar chegou en 1854 cunha nova e máis grave epidemia de cólera no Reino Unido. John Snow púxose a investigar minuciosamente cada caso, falando cos enfermos e as súas familias, e situounos sobre un mapa de Londres, en busca dunha correlación cos lugares dos que os pacientes obtiveran a auga para beber. Así logrou identificar unha bomba de auga na rúa Broad como a orixe do brote no barrio do Soho. O seu mapa do cólera bastou para convencer ás autoridades locais de que había que clausurar esa fonte pública, e o número de casos comezou a baixar drasticamente.
Polo éxito desa proba a gran escala, hoxe John Snow é lembrado como fundador da epidemiología moderna. Pero entón non foi suficiente. A pesar da evidencia, os expertos en saúde pública crían na teoría miasmática e a bomba de auga volveu poñerse en funcionamento, tal e como reclamaban os veciños —unha medida contra a que Snow loitou ata que morreu dun infarto en 1858, aos 45 anos.
Os feitos déronlle a razón nas décadas seguintes á súa morte: durante a seguinte epidemia de cólera (en 1866), as autoridades sanitarias comprobaron que as ideas de Snow eran válidas e que a auga desa bomba viña mesturada con augas fecais; e en 1884 Robert Koch finalmente identificou a bacteria fecal Vibrio cholerae como axente causante do cólera. Uns anos antes os experimentos de Louis Pasteur xa demostraran que os microbios eran a causa das infeccións e tamén explicaron por que os traballadores dunha fábrica de cervexa permaneceran inmunes ao brote de 1854 ao redor desa bomba de auga de Broad Street. Medorentos desa auga, só bebían cervexa (producida con auga fervida). Hoxe en día, nunha esquina desa rúa londiniense, permanecen a mesma bomba de auga, o pub John Snow e unha placa en recordo da súa gran fazaña científica.
FONTE: Francisco Doménech/bbvaopenmind.com/ciencia
0 comentarios