UN NOVO ESTUDO APOIA QUE O OCÉANO DA LÚA EUROPA PODE SER HABITABLE
Imaxe da superficie de Europa tomada a finais dos 90 pola sonda Galileo, procesada iste ano
Cos seus 3.100 quilómetros de diámetro, Europa é un pouco máis pequena que a nosa Lúa, aínda que é moito máis fría. Os 780 millóns de quilómetros que separan este satélite xeado de Xúpiter do noso Sol fan que a temperatura na súa superficie non suba dos 160 graos baixo cero, aínda que alberga un gran océano subterráneo de 100 quilómetros de profundidade cuxa temperatura exacta descoñécese.
Esa gran masa de auga líquida baixo a súa espesa superficie conxelada é un dos poucos lugares do Sistema Solar que os científicos cren que podería ser habitable, entendendo a vida dunha maneira moi ampla e probablemente distinta á que temos na Terra. Desde que foi descuberto ese océano, varios estudos realizados coas imaxes das naves Voyager e Galileo que a sobrevoaron foron atopando indicios que suxiren que alí se dan as condicións para a vida. Agora, un equipo da NASA ofreceu unha nova proba que apoia esa hipótese.
Os investigadores do Jet Propulsion Laboratory desenvolveron un novo modelo sobre os depósitos xeoquímicos que hai no interior de Europa, cuxos resultados se presentaron na Conferencia de Xeoquímica de Goldschmidt, a máis importante neste campo. Ía ter lugar este ano en Hawai pero, debido á crise do coronavirus, está a celebrarse virtualmente.
"Europa é unha das nosas mellores oportunidades para atopar vida no noso sistema solar. A nave Europa Clipper da NASA lanzarase nos próximos anos, polo que o noso traballo pretende axudar a preparar esta misión que investigará a habitabilidade de Europa", sinala Mohit Melwani Daswani, líder deste traballo que aínda non foi publicado nunha revista científica.
Para facer este estudo sobre a orixe e a composición do seu océano, baseáronse nos datos recolleitos pola misión espacial Galileo, denominada así en honra ao astrónomo italiano que descubriu a lúa en 1610.
Europa, unha das lúas de Xúpiter /
A súa hipótese é que os mundos oceánicos como Europa orixináronse pola descomposición de minerais que conteñen auga debida ás forzas das mareas ou a desintegración radioactiva, un fenómeno denominado metamorfismo. O quecemento e a presión liberarían a auga atrapada neses minerais.
"Modelamos a composición e propiedades físicas do núcleo, a capa de silicato e o océano. Descubrimos que diferentes minerais perden auga e compoñentes volátiles a distintas profundidades e temperaturas. Engadimos estes compoñentes volátiles que se estima que se perderon do interior da lúa, e vimos que eran consistentes coa masa prevista do océano actual, o que significa que probablemente estean presentes no océano", explica Mohit Daswani.
"Os nosos modelos lévannos a pensar que os océanos noutras lúas, como Ganímedes ou Titán (un satélite de Saturno), tamén poden formarse por procesos similares. Con todo, aínda necesitamos entender varios puntos, como a forma en que os fluídos migran a través do interior rochoso de Europa", propón o investigador da NASA.
FONTE: Teresa Guerrero/elmundo.es/ciencia
0 comentarios